Portal:Celtas/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A toponimia céltica de Galicia é a totalidade de topónimos de lugares antigos e actuais, ríos (hidrónimos) ou montañas que se crearon coa lingua céltica e polo tanto teñen etimoloxía céltica, e que están ou estaban situados dentro dos límites da Galicia actual.

En Galicia, aproximadamente a metade dos topónimos non latinos transmitidos dende a antigüidade nas obras dos autores e xeógrafos clásicos (Pomponio Mela, Plinio o Vello, Tolomeo etc.), ou en inscricións epigráficas romanas, resultaron ser de orixe céltica, sendo a outra metade maioritariamente indoeuropeas, en todo caso sendo incontestablemente non célticas ou carecendo dunha sólida etimoloxía céltica.

Deseguido preséntase unha lista non exhaustiva de topónimos cuxa orixe é, o máis seguro, céltica. A característica máis elemental é -bri(s), do proto-céltico *brigs, coa súa derivación *brigā, ambas as dúas co significado de “outeiro” e por tanto “castro” e “poboado”. Os asentamentos coñecidos en Galicia durante a Idade de ferro eran os castros e poboados fortificados situados en outeiros e penínsulas. Moitos deles foron abandonados logo da conquista romana.