Periósteo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Periosteum (periósteo)
Bone growth.png
Meninges-en.svg

O periósteo[1][2] (do grego peri + osteon, "arredor do óso") é unha membrana que cobre a superficie externa dos ósos,[3] excepto nas articulacións dos ósos longos, que no seu lugar están cubertas por cartilaxe articular hialina. A membrana que tapiza a superficie interna dos ósos (no oco das diáfises) chámase endósteo.

O periósteo está formado por tecido conectivo irregular denso. O periósteo divídese en dúas capas, unha externa ou "capa fibrosa" e outra interna ou "capa cámbium" (ou "capa osteoxénica"). A capa fibrosa contén fibroblastos, mentres que a capa cámbium contén células proxenitoras que se desenvolven orixinando osteoblastos. Estes osteoblastos son responsables do incremento do crecemento da anchura dos ósos longos (a lonxitude do óso está controlada pola placa epifisal) e do tamaño global doutros tipos de ósos. Despois dunha fractura ósea, as células proxenitoras desenvólvense en osteoblastos e condroblastos, que son esenciais para o proceso da curación da fractura.

Ao contrario que o tecido óseo, o periósteo posúe terminacións nerviosas nociceptoras para captar a dor, o que o fai moi sensible á manipulación. Tamén proporciona nutrición ao recibir rego sanguíneo. O periósteo está unido ao óso por fortes fibras con moito coláxeno chamadas fibras de Sharpey, que se estenden polas laminiñas circunferenciais e intersticiais do óso. Proporcionan tamén un punto de unión aos músculos e tendóns.

O periósteo que cobre a superfice externa dos ósos do cranio denomínase xeralmente "pericranio".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DRAG Periósteo
  2. Diccionario Galego de Termos Médicos. Real Academia de Cirurxía e Medicina de Galicia - Consellería de Educación. 2002. Páxina 596 [1]
  3. Netter, Frank H.; Dingle, Regina V.; Mankin, Henry J. (1990). Musculoskeletal system: anatomy, physiology, and metabolic disorders. Summit, New Jersey: Ciba-Geigy Corporation. pp. 170. ISBN 0-914168-88-6.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brighton, Carl T. and Robert M. Hunt (1997), "Early histologic and ultrastructural changes in microvessels of periosteal callus", Journal of Orthopaedic Trauma, 11 (4): 244-253

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]