Perífrase verbal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As perífrases son complexos verbais -formados por un verbo en forma finita ou verbo auxiliar e un verbo en forma infinita (infinitivo, xerundio ou participio) ou verbo auxiliado entre os que pode aparecer un elemento de relación (preposición ou conxunción)- que presentan unha unidade formal e de significación, á cal o verbo auxiliado contribúe co significado léxico, mentres que o auxiliar achega determinacións xerais de número-persoa e especiais de tempo-modo, aspecto ou voz.

Perífrase e locución verbal[editar | editar a fonte]

As perífrases verbais non deben ser confundidas coas locucións verbais. As locucións caracterízanse por ser un conxunto de palabras das que polo menos unha é un verbo, o resto das palabras está tan estreitamente unido ó verbo que sintacticamente non é segmentable, de xeito que o núcleo verbal do predicado correspondente é todo o conxunto.

As diferencias fundamentais entre a perífrase e a locución son as seguintes:

  • Na locución o engadido ó verbo pode ser outro verbo ou calquera outro elemento gramatical (bótase de ver / terás en conta ós teus conveciños)
  • Na locución non hai posibilidade de segmentación sintáctica. Na perífrase sempre se pode proceder á segmentación do verbo auxiliar e do auxiliado.
  • Nas locucións non é posible a conmutación. Nas perífrases verbais, si. [Na conmutación léxica o que se substitúe é unha palabra por outra de significado distinto, manténdose a mesma categoría e a mesma función (un infinitivo por outro infinitivo, por exemplo). Na conmutación estrutural substitúese unha palabra ou secuencia por outras que sendo equivalentes funcionalmente pertencen a outra categoría gramatical (por exemplo: un sintagma preposicional substituído por un adverbio].
  • Na locución o significado é novo: Non acostuman aparecer nin o significado do verbo nin o do engadido (que pode ser outro verbo). Ademais non existen modificacións aspectuais, nin modais, nin temporais, nin estilísticas por parte de verbo auxiliar ningún. Véxase a diferencia entre ‘terás en conta’ que significa ‘considerarás’, ou ‘botar a perder algo’ que significa ‘estragar’ e ‘botarse a chorar’ (mantense o significado léxico de ‘chorar’).
  • O primeiro verbo é nas locucións o que selecciona o suxeito e os complementos, nas perífrases é o segundo verbo.

Exemplos de locucións verbais: Dar por sentado, dar por suposto, botarse de ver, botar a perder, dar a coñecer, dar a entender, dar que falar,...

Ligazóns relacionadas[editar | editar a fonte]