Partido Republicano Socialista Irlandés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non se debe confundir con Partido Socialista Republicano Irlandés ou Partido Republicano Socialista (Irlanda).
Irish Socialist Republican Party (ISRP)
Antigo partido político de Irlanda (antes da partición)
Dirixentes e organización
Líder James Connolly
Historia
Fundación 1896
En 1909 trocou o seu nome polo de Partido Socialista de Irlanda
Disolución 1921
Convertíuse no primeiro Partido Comunista de Irlanda
Posicións políticas
Ideoloxía Republicanismo irlandés
Socialismo
Outros datos
Sede Dublín
Publicación Workers' Republic
Páxina web non tiña

O Partido Republicano Socialista Irlandés, tamén coñecido como ISRP polas súas siglas en inglés (Irish Socialist Republican Party), foi un partido político irlandés fundado en 1896 por James Connolly. O seu obxectivo era establecer unha república dos traballadores irlandesa. Dividíuse en 1904 logo de varios meses de liortas políticas internas.

Malia o seu pequeno tamaño (nunca tivo máis de 80 membros), o ISRP tense como un partido de grande importancia na historia antiga do socialismo e republicanismo irlandeses. A miúdo é descrito como o primeiro partido socialista e republicano en Irlanda, e a primeira organización en expoñer a ideoloxía do republicanismo socialista na illa. Durante o seu período de vida, tan só tivo unha sección realmente activa, a de Dublín. Houbo varios intentos de estabelecer outras en Cork, Belfast, Limerick, Naas, e incluso no norte de Inglaterra, máis non prosperaron.

O partido editou a primeira publicación regular socialista en Irlanda, a Workers' Republic, presentou candidatos ás eleccións locais e representou a Irlanda na Segunda Internacional. Politicamente o ISRP estaba adiantada ao seu tempo, facendo propaganda por unha república independente moito antes de que outros partidos o fixesen.

Connolly, que era o principal organizador do partido, deixou Irlanda para marchar aos Estados Unidos en 1903 (volvería en 1910) logo dun conflito interno. De feito, crese que foi pola combinación das loitas mesquiñas coa propia pobreza o que lle fixo abandonar a súa terra. Logo dunha escisión, onde un pequeno número de membros estabeleceron unha micro organización anti Connolly chamada o Partido Laborista Socialista Irlandés, o partido quedou inactivo e ferido en marzo de 1904. Connolly discutira co outro líder do partido, Edward Stewart, sobre a estratexia electoral e sobre o sindicato. Foi revivido en 1909 co novo nome de Partido Socialista de Irlanda, pero caeu unha vez máis na inactividade cando Connolly, máis inclinado a ver a revolución como un proceso impulsado polos sindicatos máis que por un partido revolucionario, involucrouse máis na Irish Transport and General Workers' Union e no Irish Citizen Army.

O legado do ISRP continuou nos movementos republicanos e de esquerdas en Irlanda por moitas décadas logo da súa desaparición en 1904. Despois do asasinato de Connolly polos británicos en 1916 e a Revolución de Febreiro de 1917 en Rusia, o partido foi revivido unha vez máis e en 1921 convertíuse no primeiro Partido Comunista de Irlanda.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Radical Politics in Modern Ireland: A History of the Irish Socialist Republican Party (ISRP) 1896-1904 David Lynch, Dublin, Irish Academic Press 2005. ISBN 0-7165-3356-1.
  • Communism in Modern Ireland: The Pursuit of the Workers' Republic since 1916, Mike Milotte, Dublin, 1984

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]