Panteras Brancas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Panteras brancas (White Panthers, en inglés) é unha organización política estadounidense fundada en 1968 por Lawrence (Pun) Plamondon e John e Leni Sinclair.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nace como resposta a unhas declaracións do co-fundador das Panteras Negras Huey P. Newton, cando durante unha entrevista se lle preguntou se os brancos poderían formar parte da súa organización. A resposta foi que se cadra debían fundar un Partido da Pantera Branca. Inspirados por esas palabras, e polo exemplo dado pola organización afroamericana, varias persoas decidiron fundar as Panteras Brancas e dedicarse á revolución cultural e a "loitar por un planeta máis limpo e pola liberación dos prisioneiros políticos".

Ideario[editar | editar a fonte]

O seu ideario baseouse nun manifesto similar aos dez puntos dos Panteras Negras.

  • Absoluta adhesión e apoio ao programa dos dez puntos dos Panteras Negras;
  • Asalto total á cultura en calquera sentido, incluíndo rock'n roll, maría e foder nas rúas.
  • Libre intercambio de enerxía e materiais-reclamamos a fin do diñeiro!;
  • Que sexan de balde a comida, a roupa, a maría, a música, os corpos, a atención médica - todo de balde para todo o mundo!;
  • Libre acceso aos medios de comunicación - tecnoloxía gratis por parte dos bichos avarentos!
  • Tempo e espazo libres para todos os seres humanos - acabar con todos os límites antinaturais;
  • Liberar todas as escolas e todas as estruturas das directrices; darlle a volta aos edificios sobre a xente dunha vez!
  • Liberar todos os presos en calquera lugar - son os nosos irmáns.
  • Liberar todos os soldados dunha vez - que non se recruten máis exércitos;
  • Liberar toda a xente dos seus "líderes" - os líderes apestan - todo o poder para toda a xente, liberdade significa que todos e cada un sexamos libres.

O colectivo manifestouse especialmente activo na zona de Michigan, especialmente nas cidades de Detroit e Ann Arbor. Nesa última cidade parece clara a conexión de Lawrence (Pun) Plamondon e John Sinclair cun atentado contra unha oficina da CIA, en 1969. Este suceso levou ao primeiro a exiliarse en Europa e África, concretamente en Alxeria, onde entrou en contacto co tamén exiliado Huey P. Newton. Tras volver de incógnito a Estados Unidos foi detido nun control de tráfico. John Sinclair, pola súa parte tamén estivo preso por diversos delitos relacionados coa posesión e o tráfico de marihuana, aínda que sería liberado en 1971, tras celebrarse un concerto de dous días na Universidade de Michigan pola súa liberación, coa participación de artistas como John Lennon, Yoko Ono e Stevie Wonder. De calquera xeito a detención de Lawrence (Pun) Plamondon supuxo a fin operativa da organización, aínda que esta continuase existindo.