O escriba sentado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O escriba sentado, exposto no Museo do Louvre, París.

O escriba sentado, ás veces denominado o escriba sentado do Louvre, é unha das estatuas máis representativas da escultura do Imperio Antigo de Exipto, e unha das máis famosas e ben conservadas de toda a civilización exipcia.

Foi esculpida entre os anos 2480 e 2350 a.C., nunha época en que Exipto estaban no cumio da súa gloria e xa se abandonara a construción de grandes pirámides.

Os artesáns cobren máis campos, as tumbas e os templos teñen unha arquitectura máis complexa e a arte ocúpase de obxectos máis pequenos, reproducindo a vida cotiá.

Os escribas no Antigo Exipto eran persoas moi importantes, xa que eran indispensábeis nun Estado fortemente centralizado, polo que foron representados frecuentemente.

Esta estatua descubriuse en 1850 na necrópole de Saqqara, situada na ribeira occidental do río Nilo, fronte á antiga cidade de Menfis, que foi a capital do Imperio Antigo de Exipto.

Análise da obra[editar | editar a fonte]

Detalle dp rostro do escriba.
Detalle das mans.

Considérase que a estatua deste escriba representa a un alto funcionario da administración. Colocada na capela de culto dunha tumba, a estatua presidía as cerimonias e recibía as ofrendas para o defunto. A súa función tiña, pois, un carácter funerario.

O artista representouno mentres escribía en posición sedente coas pernas cruzadas e, en riba delas, pousa un papiro despregado, mentres está a punto de realizar o seu labor como escriba, polo que sostén un cálamo na súa man (actualmente perdido), levando como prenda de vestir un shenti, onde apoia o papiro.

O corpo está esculpido en calcaria, e os seus ollos tallados en cristal de rocha, cuarzo branco e ébano.

A cara está atenta, e a mirada é viva; esta parte do corpo é moi realista, resaltando os pómulos e as meixelas, e os ollos aparentan gran realismo. As mans están tallada con esmerado detalle.

A súa postura é algo hierática, e a súa actitude, tensa. Presenta pregas no ventre que fan resaltar a súa obesidade. A súa boa conservación permítenos ver a policromía antiga, coa aplicación das diferentes cores.

As esculturas de deuses e faraóns (que tamén eran deuses) do Imperio Antigo caracterízanse por mostrar unha actitude hierática. Porén, nesta, por tratarse da dun cortesán, non é estraño o realismo, presentando ao suxeito realizando a súa actividade, ou a representación da obesidade do escriba e o realismo dos ollos, moi detallados.

Actualmente a estatua exhíbese no Museo do Louvre de París, Francia.

Características[editar | editar a fonte]

  • Material:
  • Dimensións:
    • altura: 53,7 cm
    • largura: 44 cm
    • fondo: 35 cm
  • Posición: sedente.
  • Movemento: está a punto de escribir.
  • Actitude: tensa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazónes externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O escriba sentado