Moeda de medio centavo de dólar Liberty Cap

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio centavo Liberty Cap
Primeiro modelo (1793) [1]
A/: busto da Liberdade cara á esquerda. Atrás lanza con barrete frixio na punta. Data.

Lendas: LIBERTY.

R/: valor facial dentro dunha coroa de loureiro.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / HALF CENT / 1⁄200

A moeda dun centavo de dólar Liberty Cap é a primeira moeda de medio centavo, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia entre os anos 1793 e 1797.

Esta moeda foi autorizada pola Lei da Moeda de 1792, do 2 de abril, que establecía o primeiro sistema monetario completo dos Estados Unidos.[2][3] Esta lei determinaba que o peso do medio centavo de cobre fose de 132 grans (8,55 gramos), mais pouco antes de que comezase a súa cuñaxe, o seu peso foi axustado a 104 grans (6,74 gramos).[4]

O medio centavo produciuse con dous modelos diferentes, caracterizados pola orientación do busto da Liberdade dos anversos, cara á esquerda no primeiro ano e cara á dereita nos seguintes.

As derradeiras moedas desta serie levan a data de 1797, aínda que seguiron cuñándose con esta data inmobilizada nos anos seguintes, ata a súa substitución en 1800 por un novo modelo, o medio centavo Draped Bust ("busto drapeado").[5] Esta era unha práctica habitual na Casa da Moeda dos Estados Unidos naquela época.[6]

Deseños[editar | editar a fonte]

Primeiro modelo (1793)[editar | editar a fonte]

O anverso orixinal da moeda de medio centavo amosaba o busto dunha representación alegórica da Liberdade co cabelo solto e ollando cara á esquerda. Detrás do busto vese unha lanza, en cuxa punta se sostén un barrete frixio, un elemento este que aparece por primeira vez nunha moeda dos Estados Unidos e que se fixo recorrente en diversas cuñaxes posteriores, xa que a finais do século XVIII se converteu nun símbolo da revolución, tanto nos Estados Unidos como noutros países. Sobre a cabeza está inscrita a palabra LIBERTY e por baixo, no exergo, a data da emisión, 1793.[6]

A medalla Libertas Americana, de A. Dupré, na que se inspira a Liberdade do medio centavo de 1783.[7]

O deseño do reverso, común para ambos os modelos desta moeda, está tomado, con algunhas modificacións, do utilizado na moeda dun centavo coñecida como Wreath Cent ("centavo da coroa"),[8] cuñado a principios do verán de 1793. No centro amósase o valor nominal da moeda en letra, HALF CENT, rodeado por unha coroa de loureiro aberta, adobiada por restras de bagas, unida á base por unha cinta. Unha inscrición co nome do país, UNITED STATES OF AMERICA, rodea este conxunto. No exergo deste reverso amósase tamén a equivalencia do valor nominal en centavos como fracción da unidade monetaria: 1⁄200 (200 moedas por cada moeda dólar).[6]

Non hai unha constancia documental da autoría deste primeiro deseño, aínda que distintas fontes lla atribúen a artistas gravadores como Joseph Wright, Henry Voigt ou Adam Eckfeldt. Esta última atribución baséase en que Eckeldt foi o creador da moeda de cinco centavos (half disme) de prata de 1792, na que se reproduce unha cabeza da Liberdade con algúns trazos similares aos da moeda de medio centavo. Independentemente da identidade do seu autor, o que parece claro é que a fonte de inspiración foi a medalla coñecida como Libertas Americana, cuñada na Monnaie de París en 1782 e deseñada por Agustin Dupré.[6]

A recepción desta moeda foi moi boa por parte da poboación, que utilizou con axilidade os 35.334 exemplares desta primeira emisión de 1793. As moedas puxéronse en circulación en tres quendas. A Casa da Moeda entregou os primeiros exemplares —aproximadamente 7.000— o 20 de xullo; a semana seguinte lanzouse un segundo lote de 24.934 exemplares e o 18 de setembro puxéronse en circulación os 3.400 restantes, pouco antes de que a Casa da Moeda pechase temporalmente por un andazo de febre amarela.[9]

Segundo modelo (1794-1797)[editar | editar a fonte]

Medio centavo Liberty Cap
Segundo modelo (1794-1797) [10]
A/: Busto da Liberdade cara á dereita. Atrás lanza con barrete frixio na punta. Data

Lendas: LIBERTY.

R/: valor facial dentro dunha coroa de loueiro.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / HALF CENT / 1⁄200

  • Data: 1794-1797.
  • Cecas e marcas: Filadelfia (sen marca).
  • Deseño e gravado: Robert Scot.
  • Metal: cobre (100 %).
  • Diámetro: 23,50 mm.
  • Peso: 6,74 g.
  • Canto: liso ou estriado ou coa lenda TWO HUNDRED FOR A DOLLAR .

Na emisión de 1794 utilizouse un novo deseño do busto da Liberadade para o anverso da moeda, que pasou aestar orientado cara á dereita, obra do primeiro gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Scot. Neste novo deseño aprécianse tamén algunhas modificacións nos detalles do rostro e no cabelo. Nos anos seguintes mantívose este mesmo modelo, aínda que con lixeiros axustes en detalles menores, como o relevo ou a colocación de diversos elementos. Un dos máis salientables destes axustes foi a redución do tamaño da cabeza que se aprecia nas cuñaxes de 1795 a 1797.[6][11]

O reverso mantense con respecto ao do modelo orixinal, con algún pequeno cambio, como a desaparición das restras de bagas que adornaban a coroa de loureiro.[6]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Todos os exemplares de medio centavo de dólar Liberty Cap son escasos, e a maioría dos conservados presentan estados de conservación baixos ou medios.[6] Isto ocorre sinaladamente coa emisión de 1793, debido a que se utilizou durante máis tempo e habitualmente aparece moi desgastada.[9]

Ocasionalmente pódense achar exemplares de maior calidade, que teñen unha gran demanda por parte dos coleccionistas e, consecuentemente, prezos moi superiores.[6] Un dos mellores exemplares coñecidos, de 1873 e nunha conservación excepcional, acadou o prezo de 920.000 dólares nunha poxa pública que tivo lugar en 2014, o que constitúe un récord para unha moeda de medio centavo.[9]

O medio centavo máis escaso da serie é o de 1796, por mor da súa escasa tiraxe. Consérvanse arredor de 100 e deles só cinco presentan un estado de conservación excepcional. Nesta data existe, ademais, unha variante, debido a que algunhas moedas foron cuñadas coa lanza que sostén o barrete frixio e outras sen ela.[12][13][14]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Período Exemplares [15]
1793 35.334
1794 81.600
1795 139.690
1796 1.390
1797 127.840

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Manley, R. P. (1998). The Half Cent Die State Book 1793-1857. J. R. Grellman.
  • Cohen, R.S. (1982). American Half Cents. The "Little Half Sisters". Wigglesworth & Ghatt.
  • Breen, W. (1983). Walter Breen's Encyclopedia of United States Half Cents 1793-1857. American Institute of Numismatic Research. ISBN 978-0911021004
  • Eckberg, W. R. (2019). The Half Cent, 1793-1857 The Story of America's Greatest Little Coin. Eckberg. ISBN 9781645164173
  • Fuhrman, E. (2022). The Half Cent Handbook: Liberty Cap Varieties 1793-1797.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Inexistente

Medio centavo de dólar

1793
Sucesor:
Medio centavo Draped Bust