Messerschmitt Bf 109

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Messerschmitt Bf 109
Messerschmitt Bf 109G-2.jpg
Bf 109G-2
Tipo Caza
Fabricante Messerschmitt
Deseñado por Willy Messerschmitt
Primeiro voo 28 de maio de 1935
Introducido 1937
Estado retirado
Construídos uns 35.000

O Messerschmitt Bf 109 foi un caza alemán usado na Guerra Civil española e na Segunda Guerra Mundial. Realizou o seu primeiro voo en maio de 1935 e entrou en acción a principios de 1937 durante a Guerra Civil Española. Foi un dos mellores cazas alemáns da Segunda Guerra Mundial, superado unicamente polo Fw 190.

Historia[editar | editar a fonte]

O prototipo do Bf 109 comezou a construirse a finais de 1934 e voaría por primeira vez en setembro, seis meses antes que o Spitfire, que se convertería no seu eterno rival na Segunda Guerra Mundial. Este prototipo debería equiparse cun motor V-12 Junkers Jumo 210, pero ao non haber ningún dispoñible foi usado un Rolls-Royce Kestrel do mesmo tipo. Este primeiro prototipo, denominado Bf 109V1, alcanzaría unha velocidade de 465 km/h. O Jumo 210A xa equiparía ao segundo prototipo V2.

O avión foi deseñado para gañar un contrato para converterse no caza de primeira liña da acabada de refundar Luftwaffe, aínda que case todo o mundo apostaba polo seu competidor, o Heinkel He 112. Finalmente o deseño das ás converteu en gañador ao Bf 109. O prototipo de Messerschmitt tiña unhas ás pequenas que lle propocionaban máis maniobrabilidade en comparación coas do He 112, máis grandes.

Guerra Civil española[editar | editar a fonte]

En decembro de 1936 o Bf 109V3, o terceiro prototipo, foi enviado a España. No mes seguinte uniríanselle en Sevilla os V4 e V5 e os tres comezarían as probas operacionais.

O seu éxito apurou o envío dos primeiros Bf 109B, que chegarían no mes de marzo. Estes foron encadrados no Jagdgruppe 88 (grupo de caza 88) da Lexión Cóndor para superar a situación de superioridade dos cazas soviéticos I-15 e I-16 sobre os alemáns He 51. Posteriormente chegarían Bf 109 dos tipos C, D e E, totalizando 136 unidades. Foron superiores a todos os cazas republicanos á excepción do I-16 Mosca, co cal estaba equilibrado.

Produción de serie[editar | editar a fonte]

Bf 109B-2

O primeiro avión de serie foi o Bf 109B-1 (alcumado Bruno), que introduciu o motor Jumo 210Da e estaba armado con dúas ametralladoras MG 17 do capó. O B-2 diferenciábase en que tiña unha hélice metálica de paso variable.

A serie C, Caesar, aparecería a finais de 1937 cando estivo dispoñible o motor Jumo 210G de inxección directa. O armamento ampliouse a catro MG 17, instalándose dúas nas ás. O C-2 sería unha versión experimental para probar o canón MG FF montado no motor, pero non funcionou, e o C-3 probou eses canóns nas ás.

A serie Dora montaba novamente o motor Jumo 210Da da serie Bruno, mantendo o armamento dos Caesar.

Emil[editar | editar a fonte]

A serie Emil foi probablemente a máis famosa de todas as do Bf 109, aínda que a máis producida sería a serie Dora. Esta versión introduciu o máis potente motor Daimler-Benz DB 601A de inxección. Algúns exemplares das variantes E-1 e E-3, construídas simultaneamente, foron enviados a España a finais da Guerra Civil. Esta serie participou tamén na invasión de Francia e dos Países Baixos a principios de 1940, e foi o protagonista da maioría dos derribos alemáns durante a Batalla de Inglaterra. Houbo moitas variantes desta versión, aínda que a maioría tiñan moi poucas diferenzas entre elas.

Os E-1 estaban equipados co novo motor DB 601A e catro ametralladoras MG 17, dúas no capó e dúas nas ás, e o E-3 substituiría as ametralladoras das ás por canóns MG FF de 20 mm. Tentouse tamén desenvolver o E-2, cun canón MG FF central, pero por problemas co mesmo abandonouse o proxecto.

A variante E-4 introducía unha nova cabina reforzada e canóns mellorados MG FF/M nas ás, e posteriormente máis blindaxe. Tivo a variación E-4/N que equipaba o motor DB 601N de maior potencia, e outra tropicalizada, Bf 109E-4/Trop, con filtros na toma do compresor para poder operar no deserto do norte de África.

O E-5 produciríase omesmo tempo que o anterior e tratábase dunha variante de recoñecemento, equipada cunha cámara Rb 21/18 na fuselaxe e catro ametralladoras MG 17. O E-6 diferenciábase do E-5 só no motor, un DB 601N. O E-7 podía levar un tanque lanzable de 300 litros ou lanzabombas baixo a fuselaxe e tamén dispuxo dunha versión tropicalizada. O E-8 era un Bf 109E-1 cun motor DB 601N e unha cámara Rb 50/30.

Desenvolveuse tamén unha versión do Emil coa envergadura aumentada, denominado Bf 109T. Este modelo foi deseñado para poder operar dende o portaavións Graff Zeppelin, pero o buque nunca se construiría.

Fritz[editar | editar a fonte]

A Serie F, alcumada Fritz, entrou en servizo na primavera de 1941 e era 40 km/h máis rápida que o Emil á cota de combate. Nesas alturas a Luftwaffe estaba perdendo a vantaxe inicial con respecto aos Spitfires británicos, pero a chegada do Fritz volveu a equilibrar a balanza.

Esta serie foi a primeira modificación importante do deseño básico. Levaba o motor DB 601N dos últimos Emil cun capó máis aerodinámico e outras pequenas modificacións tamén para mellorar o comportamento aerodinámico do Bf 109. Era superior aos Spitfire I e II, aínda que menos maniobrable.

O F-1 equipaba dúas metralladoras MG 17 no capó e un canón MG 151/20 de 20 mm no motor, en lugar dos MG FF/M de modelos anteriores. O F-2 substituiría o calibre da arma central por un de 15 mm. O F-3 equipaba un motor DB 601E, que requería combustible de menor octanaxe que o DB 601N dos F-1 e F-2.

O F-4, aparecido en setembro de 1941 case á vez que o novo caza Fw 190, foi a principal variante do Fritz e volvía substituír o canon central, pasando dos 15 mm a un MG 151 de 20 mm e reducindo a súa munición de 200 a 150 disparos. Tamén introducía blindaxe para o piloto. Houbo unha versión Jabo (cazabombardeiro), denominada Bf 109F-4/B, aparecida a principios de 1942, que levaba un soporte ventral para unha bomba de 250 kg.