Masacre de My Lai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mỹ Lai (pronuncia en galego: Mi-Lai) é o nome da aldea vietnamita onde, o 16 de marzo de 1968, centenas de civís, na maioría mulleres e nenos, foron executados por soldados do exército estadounidense, no maior masacre de civís do que se teña constancia ocorrido durante a Guerra do Vietnam.

Historia[editar | editar a fonte]

Na véspera da operación, integrantes da Compañía Charlie, da 11ª Brigada de Infantaría, mandados á rexión por denuncias de que a área estaría servindo de refuxio para guerrilleiros norvietnamitas, polo comando norteamericano informounos de que os habitantes de My Lai e das aldeas veciñas saían para o mercado da rexión ás sete da mañá para a compra de comida e que, consecuentemente, aqueles que ficasen na área serían guerrilleiros do vietcong ou simpatizantes.

Esta foto, tirada por Ronald Haeberle, soldado do exército dos EUA e integrante da Compañía Charlie, divulgouse nos xornais de todo mundo en 1969, e causou unha conmoción internacional que levou a acelerar as conversas de paz para o fin da Guerra do Vietnam.

Como consecuencia, integrantes dun dos pelotóns da compañía, comandados polo tenente William Calley, sospeitando que os habitantes atopados fosen guerrilleiros e considerándoos a todos como unha ameaza[Cómpre referencia], abriron lume indiscriminadamente contra os habitantes da aldea, matando vellos, mulleres, nenos e bebés en case a súa totalidade, nun total entre 357 e 504 civís mortos, segundo a fonte, norteamericana ou vietnamita. No lugar hoxe, hai un memorial en que lista o nome de 504 vítimas.

O masacre que incluíu varias horas de caza aos sobreviventes, só foi interrompido por iniciativa dun piloto de helicóptero, Hugh Thompson, Xr., que vendo do alto a matanza e o asasinato de civís feridos, pousou o aparello e ameazou disparar coas metralladoras da súa propia nave contra soldados americanos.

O crime só veu a luz pública un ano despois cando o xornalista Seymour Hersh publicou o relato dos feitos grazas a denuncias saídas de dentro do exército, por soldados que testemuñaron ou ouviron os detalles do caso – e un deles escribiu a diversos integrantes do goberno americano, inclusive ao Presidente Nixon – e chegaron a xornais e ás televisións. Xornalistas independentes conseguiron fotos dos asasinatos e as estamparon nos medios mundiais, axudando a aumentar o horror e os esforzos dos pacifistas na presión ao goberno Nixon a se retirar do Vietnam.

En marzo de 1970, 25 soldados foron acusados polo exército dos Estados Unidos de crime de guerra e ocultación de feitos e probas no caso de My Lai. Foi comparado por algúns medios de esquerda cos xenocidios de Oradour-sur-Glane e Lidice durante a II Guerra Mundial, que causou a condena e execución de varios oficiais nazis despois da guerra, só o tenente William Calley, comandante do pelotón responsábel das mortes foi acusado e xulgado.

Condenado á cadea perpetua, Calley foi perdoado dous días despois da divulgación da sentenza polo Presidente Richard Nixon, cumprindo unha pena alternativa de tres anos e medio en prisión domiciliaria na base militar de Fort Benning, en Xeorxia.