Masacre de Catavi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O coñecido como masacre de Catavi ou matanza de Catavi foi o ataque por parte de forzas do exército de Bolivia aos campamentos mineiros da mina de estaño na localidade de Catavi, departamento de Potosí (Bolivia). Tivo lugar durante a xornada do 21 de decembro de 1942 baixo a presidencia do xeneral Enrique Peñaranda, o que acabou por ocasionar a súa caída.[1][2]

Causas[editar | editar a fonte]

O goberno de Bolivia colocara baixo control militar todas as minas co argumento de garantir a subministración de materias primas aos aliados durante a segunda guerra mundial. A situación facía necesario que as operacións mineiras se desenvolvesen nun marco de orde e seguridade.

Porén, desde 1941 existían reivindicacións salariais non atendidas nos xacementos de Uncía, Catavi e Siglo X. Ante unha petición de aumento salarial no complexo Catavi-Siglo XX, tras unha extensa negociación entre o Ministerio de Traballo e a empresa explotadora, o 14 de decembro de 1942 comezou unha folga xeral. Ante a situación, o goberno enviou á zona o rexemento Ingavi, dirixido polo coronel Luis Cuenca.

O masacre[editar | editar a fonte]

Durante varios días houbo conversas, tensión e simulacros de violencia por parte da representación do goberno e da empresa. Finalmente, o 21 de decembro de 1942, en dúas oportunidades, as tropas destacadas na mina dispararon contra os mineiros e as súas familias.

A primeira serie de disparos foi realizada contra un grupo de mulleres que tentaba entrar en Catavi para buscar alimentos.

A segunda foi contra unha gran manifestación que protestaba polas primeiras mortes. Uns 200 soldados dirixidos por tres oficiais dispararon contra un grupo de máis de 7000 traballadores, mulleres e nenos. Estimouse que foron asasinados uns 20 homes, mulleres e nenos, e que houbo uns 50 feridos. Entre as vítimas estaba María Barzola, quen logo deu nome ao Campo María Barzola. En dito campo tivo lugar a sinatura do decreto de nacionalización de minas en 1952.[3]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Masacre de Catavi". Educa (en castelán). 19 de novembro de 2014. Consultado o 11 de xullo de 2018. 
  2. "Fotografias para una Historia Íntima de Simón I. Patiño". Fuentes, Revista de la Biblioteca y Archivo Histórico de la Asamblea Legislativa Plurinacional (en castelán) (La Paz) 9 (36). febreiro de 2015. ISSN 1997-4485. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2018. Consultado o 11 de xullo de 2018. 
  3. República de Bolivia (15 de abril de 1952). "Decreto Supremo nº 3223" (PDF). Gaceta Oficial de Bolivia. Consultado o 7 de agosto de 2018.