Maneki Neko

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un maneki neko en Toquio.

O Maneki-neko (招き猫, no Xapón) ou o Zhaocai Mao (招財貓, na China), tamén coñecido como "gato da sorte" ou "gato da fortuna", é unha escultura xaponesa moi popular, da que se di que trae boa sorte ao seu dono. A escultura representa a un gato saudando cunha pata alzada.

Pode ser vista frecuentemente en tendas, restaurantes e outros negocios. Adoita ser un gato que ergue a súa pata esquerda convidando á xente a entrar nos negocios, e que ten na pata dereita unha moeda antiga xaponesa chamada koban ((小判)); ten xeralmente un colar cun cascabel que se pensa fai bulir aos malos espíritos. É elaborada decotío en porcelana ou cerámica, e tamén actualmente en plástico. Nas versións orixinais de porcelana, a pata adoitaba estar sempre erguida, aínda que nas novas versións de plástico, a pata adoita moverse de arriba a abaixo. Tamén a altura á que ergue a pata pode variar dunha escultura a outra. Dise que canto máis alta erga a pata, a chamada do gato atraerá aos clientes dende máis distancia.

Maneki (招き) procede do verbo maneku (招く), que en xaponés significa "convidar a pasar" ou "saudar". Neko (猫) significa "gato". Xuntos literalmente significan "gato que convida a entrar". Segundo a tradición xaponesa, a mensaxe que transmite o gato co movemento da súa pata é: "Entra, por favor. Es benvido".

Hoxe en día, existen milleiros de versións do Maneki Neko, dende gatos altos, gordos, de diversas cores, ata vaxilas ou figuras de Hello Kitty.

Lendas sobre o Maneki Neko[editar | editar a fonte]

Hai diversas versións da lenda deste símbolo. A continuación móstranse 3 das máis coñecidas entre elas:

  • O Gato do Templo: Durante o século XVII, na era Edo, na época dos señores feudais, existía en Toquio un templo que coñecera días mellores e que tiña serios problemas económicos e estaba semiderruído. O sacerdote do templo era moi pobre, mais aínda así, compartía a escasa comida que tiña co seu gato, Tama.

Un día, un señor feudal, un home de grande fortuna e importancia chamado Naotaka II ((井伊直孝)) foi sorprendido por unha tormenta mentres cazaba e agochouse baixo unha grande árbore que había preto do templo. Mentres agardaba a que amainara a tormenta, o home viu que un gato de cor branca, negra e marrón, facíalle sinais para que se achegara á porta do templo. Tal foi o seu asombro que deixou o refuxio que lle ofrecía a árbore e achegouse para ver de cerca a tan singular gato. Nese momento, un raio caeu sobre a árbore que lle servira de refuxio.

A consecuencia disto, o home rico fíxose amigo do pobre sacerdote, financiou as reparacións do templo e este prosperou, co que o sacerdote e o seu gato nunca volveron pasar fame.

Trala súa morte, Tama recibiu un solemne e agarimoso enterro no cemiterio para gatos do Templo Goutokuji, e creouse o Maneki Neko no seu honor. Dise que un Maneki Neko no lugar de traballo, o fogar, ou mesmo unha páxina web atrae á boa sorte e aos visitantes.

  • A Cortesana: Unha cortesana chamada Usugumo, que vivía en Yoshiwara (ao leste de Toquio) tiña un gato ao cal amaba e criaba con moito agarimo. Unha noite, o gato comezou a xogar co seu kimono e foillo levando a rastras. Daba igual o que ela dixera, o gato seguía co seu xogo.

O propietario do bordel, ao ver aparecer ao gato co kimono, e pensando que o animal estaba enmeigado, cortoulle a cabeza, que saíu voando ata o teito, onde sen querer matou unha serpe, supostamente preparada para atacar en calquera intre.

Usugumo quedou sumida na dor pola morte da súa mascota. Para facela feliz, un dos seus clientes fíxolle un retrato en madeira do seu gato e doullo como agasallo. Esta imaxe do gato pasou a ser coñecida como Maneki Neko.

  • A Anciá: Unha anciá que vivía en Imado (leste de Toquio) viuse forzada a vender o seu gato debido á extrema pobreza na que vivía. Pouco tempo despois, o gato aparecéuselle nun soño e díxolle que fixera a súa imaxe en arxila.

A anciá encargouse de crear a estatua tal e como lle dixera o gato, e non tardou en vendela. Adicouse a facer máis estatuas, vendo que gustaban á xente e as mercaban encantados. Tanto a muller coma o gato fixéronse moi populares, e axiña a muller fíxose próspera e rica.

Cores e significado[editar | editar a fonte]

Dependendo da pata que o Maneki Neko erga ten distintos significados:

  • Se saúda coa pata dereita: dise que trae prosperidade e cartos.
  • Se saúda coa pata esquerda: atrae visitas, tamén se pensa que mentres máis alto erga a pata, atráeos dende distancias maiores.
  • Se saúda con ámbalas dúas patas, protexe o fogar ou o establecemento.

Dependendo da súa cor tamén ten distintos significados:

Diferentes modelos de Maneki-neko.
  • Tricor (branco, negro e laranxa). Tradicionalmente é o gato que máis sorte da, e dise que trae fortuna aos viaxeiros. Como curiosidade, ese tipo de tricor chámase Calico.
  • Verde: Atrae a saúde e seguridade no fogar e os bos resultados nos estudos.
  • Branco: Pureza, cousas boas por vir.
  • Prata ou dourado: Sorte nos negocios.
  • Azul: Acadar os soños.
  • Vermello: Éxito no amor e/ou fai bulir o mal.
  • Amarelo: Economía.
  • Negro: Evita a mala sorte e aumenta a felicidade.
  • Rosa: Elixir á persoa con quen casar.
  • Violeta: Serve para os estudantes e graduados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]