Lei de Punto Final

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Convocatoria dunha manifestación contra a Lei de Punto Final.

A Lei 23.492, chamada Lei de Punto Final[1], foi promulgada na Arxentina o 24 de decembro de 1986 durante a presidencia de Raúl Alfonsín, establecendo a paralización dos procesos xudiciais contra os autores das detencións ilegais, torturas e asasinatos que tiveron lugar na etapa de ditadura militar, que comezou co golpe de estado.

A lei, que sancionaba a impunidade dos militares pola desaparición de 30.000 persoas, foi obxecto dunha viva polémica tanto daquela como despois.

Contido[editar | editar a fonte]

O seu texto é moi curto, con soamente sete artigos; ditaba o fin da investigación e persecución dos acusados de violencia política durante a ditadura, ata a restauración do réxime democrático o 10 de decembro de 1983. Nun dos seus paragrafos indicaba literalmente: "extinguirase a acción penal contra toda persoa que cometese delitos vinculados á instauración de formas violentas de acción política ata o 10 de decembro de 1983."

O artigo nº 5 exceptuaba a aplicación da lei en casos de falsificación de identidade e desaparición de menores. Este caso ocurrira como secuestro de bebés, fillos de prisioneiras políticas destinadas a desaparecer, que eran polo xeral adoptados por militares, que borraban as pegadas da verdadeira identidade dos bebés.

Finalidade[editar | editar a fonte]

Durante eses anos a democracia estaba permanentemente ameazada por sectores das Forzas Armadas que se negaban a aceptar o axuizamento por violacións aos dereitos humanos durante o réxime militar anterior. Para intentar manter baixo control o descontento nas Forzas Armadas, en 1986 o Congreso sancionou a Lei de Punto Final impoñendo un prazo de 60 días para procesar aos acusados de delitos de lesa humanidade cometidos durante o goberno militar.

Aínda así, a lei non foi abondo para os contentar, e na Semana Santa de 1987 produciuse unha rebelión militar chamada dos carapintadas.

É de notar que, case ao mesmo tempo, se promulgaba en Uruguai a "Lei de Caducidade", así como xa existía en Chile a "lei de amnistía".[2]

Aprobación e revogación[editar | editar a fonte]

Despois de soamente 3 semanas de debate, e a pesar de que catro días antes, o 19 de decembro, unhas 100.000 persoas protagonizasen unha marcha esixindo que o proxecto non fose aprobado, a lei foi aprobada o 24 de decembro do 1986. Na Cámara dos Deputados o resultado da votación foi de 114 a favor, 17 en contra e 2 abstencións; no Senado, 25 votaron a favor e 10 en contra.

Tanto esta lei como a posterior Lei de Obediencia Debida foron fortemente cuestionadas por parte das organizacións de dereitos humanos, o movemento estudantil, e as forzas políticas progresistas.

A lei, xunto coa súa complementaria, a de Obediencia debida, foron consideradas nulas polo Congreso Nacional en 2003, e finalmente declaradas nulas pola Corte Suprema de Xustiza, por ser inconstitucionais, o 14 de xuño de 2005.e finalmente declaradas nulas pola Corte Suprema de Xustiza, por ser inconstitucionais, o 14 de xuño de 2005. Isto permitiu que se reabrisen os casos relacionados con crimes contra a humanidade. O primeiro de tales casos, no que estaba implicado Miguel Etchecolatz, antigo vice-comandante da Policía Provincial de Buenos Aires , finalizou en setembro do 2006, sentando xurisprudencia ao recoñecer que o terrorismo de estado da ditadura era unha forma de xenocidio. [3] [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lei 23.492 - Texto completo da Ley de Punto Final.
  2. Argentina, Juicio a los militares
  3. BBC News, 13 August 2003. Argentina overturns amnesty laws.
  4. BBC News, 21 August 2003. Argentina scraps amnesty laws.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]