Lei de Obediencia Debida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A lei foi aprobada polo Congreso da Arxentina. Na imaxe, réplica do Pensador de Rodin diante do Palacio Lexislativo en Buenos Aires.

A Lei de Obediencia Debida Nº 23.521 foi unha disposición legal ditada na Arxentina o 4 de xuño de 1987, durante o goberno de Raúl Alfonsín, que estableceu unha presunción de iure (ou sexa, que non admite proba en contrario) que os feitos cometidos polos membros das forzas armadas, durante a guerra sucia e o Proceso de Reorganización Nacional, non eran puníbeis por haber actuado en virtude de obediencia debida.

Esta norma dictouse para intentar conter o descontento da oficialidade do Exército Arxentino, eximindo aos militares por debaixo do grao de coronel, da responsabilidade nos delitos cometidos baixo mandato castrense. Dese modo, tivo lugar o desprocesamento da maioría dos implicados no terrorismo de Estado.

Algúns dos beneficiados pola norma foron o ex capitán de fragata Alfredo Ignacio Astiz e o xeneral (R) Antonio Domingo Bussi, contra os cales existían numerosas probas da comisión de delitos de lesa humanidade.

Xunto coa complementaria Lei de Punto Final, a Lei de Obediencia Debida foi derogada en agosto do 2003; aínda que a derogación non tivo efectos retroactivos.

Situación actual[editar | editar a fonte]

En xuño de 2004, un fallo da xuíza cordobesa Cristina Garzón de Lascano declarou ambas normas insanabelmente nulas, dando así lugar ao encausamento dos acusados de delitos aínda non prescritos, o que comprende todos os crimes de lesa humanidade. O ex xeneral Luciano Benjamín Menéndez, que se supón o principal responsábel da represión na provincia, atópase detido polos cargos de secuestro, tortura, homicidio e desaparición de varias persoas.

En base a isto, a Comisión de Xustiza da Cámara de Deputados examina a posibilidade de declarar tamén nulos os indultos polos que o expresidente Carlos Saúl Menem deixou en liberdade a varios dos máximos responsábeis das violacións aos dereitos humanos durante o Proceso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]