La muerte del decano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La muerte del decano
Autor/aGonzalo Torrente Ballester
OrixeEspaña
Linguacastelán
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Planeta
Data de pub.Novembro de 1992
ISBNISBN 978-84-08-00168-X
editar datos en Wikidata ]

La muerte del decano é unha novela en lingua castelá de Gonzalo Torrente Ballester publicada en 1992 por Editorial Planeta.

Trama[editar | editar a fonte]

Facultade de Historia de Santiago de Compostela.

Federico Daoíz Perales é o decano da Facultade de Letras da Universidade de Santiago de Compostela, nos primeiros anos do Franquismo. Unha tarde de inverno fai falar cun frade franciscano, o padre Fulgencio, a quen confesa que está convencido de que vai morrer esa mesma noite. Légalle uns papeis co fin de que os saque a luz vinte anos despois, e dille que sabe quen vai ser o asasino. Despois vai cear con Don Enrique, discípulo seu e compañeiro de facultade. Despois de cear empanada de lamprea en casa Ramallo van á habitación do decano, que vive nun colexio maior na periferia da vila.

No seu cuarto comezan a falar, e o decano confésalle a Enrique que vai abandonar a súa carreira universitaria. Federico prepara un té e fai que Enrique saia do edificio e entre de novo pola ventá. Ao cabo, Enrique marcha e á mañá seguinte Federico aparece morto. O comisario comeza as investigacións, e cando chega o xuíz explícalle que hai indicios de que foi un asasinato. Enrique é levado a prisión, e a súa muller vai testificar ante o xuíz. Acusado formalmente, Enrique é levado á prisión da Coruña, e un avogado novo defenderao. Este esperta a posibilidade de que a morte fose un suicidio, pois non hai motivo ningún para o asasinato, a pesar de que Enrique mercara veleno -cianuro- a instancias do propio decano meses antes, e a pesar de que o decano lle dixese ao frade que estaba namorado da muller de Enrique.

Finalmente, Enrique é liberado ante a falta de probas concluíntes.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. A primeira parte desenvólvese en Santiago de Compostela no día previo á morte do decano e nos dous días seguintes, e a segunda parte xa é durante o xuízo na Coruña, agás o último capítulo que ten lugar na estrada N-550 preto de Carral.

Os personaxes que aparecen son o decano, o frade, o bedel da facultade, o seu discípulo Enrique, a muller deste, o director do colexio maior, o reitor da universidade -farmacéutico-, os outros decanos, o comisario, o xuíz e o fiscal.

Torrente Ballester adicoulle a obra aos seus netos Josefina e Rodrigo, e á súa bisneta Clara.