Kalevala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A defensa do sampo, pintura de Akseli Gallen-Kallela baseada no Kalevala

O Kalevala é un poema épico finlandés recollido por Elias Lönnrot no século XIX, é o cerne da épica nacional finlandesa e unha das grandes obras da literatura finlandesa.

A maior parte do Kalevala foi recollido por Lönnrot no leste de Finlandia, agora en boa parte pertencente a Rusia, directamente dos cantores tradicionais como Arhippa Perttunen. Unha primeira versión publicouna en dous volumes en 1835-1836, Kalewala, taikka Wanhoja Karjalan Runoja Suomen kansan muinoisista ajoista, consiste en 12.079 versos en 32 cantos. A segunda versión publicouna en 1849, é a versión actualmente considerada canónica que comprende 22.795 versos en 50 cantos. O Kalevala ata o momento traduciuse a 49 linguas.

Historia[editar | editar a fonte]

Os irmáns Poavila e Triihvo Jamanen recitando poesía popular tradicional na aldea de Uhtua, na actual República de Carelia (Rusia), en 1894

Antes do século XVIII a poesía do Kalevala era común ao longo de Finlandia e Carelia, pero no XVIII comezou a desaparecer nas terras finesas, primeiro no oeste do país, a causa da expansión da poesía rimada europea, que se estaba convertendo en máis común en Finlandia e polos intentos de erradicación que desde a reforma luterana realizaban os sacerdotes para prohibir todas as historias e cancións cunha orixe pagá, aínda así a tradición permaneceu.[1]

O lingüísta e nacionalista finlandés Kaarle Akseli Gottlund (1796–1875) expresou o seu desexo dunha épica finlandesa que de xeito semellante á Ilíada, Beowulf ou Nibelungenlied fora compilada de varios poemas e cancións representativos de toda Finlandia. El esperaba que tal esforzo había incitar un sentido de nacionalidade e independencia no pobo finlandés. En 1820, Reinhold von Becker fundou o periódico Turun Wiikko-Sanomat e publicou tres artigos co título de Väinämöisestä, que se converteron nunha inspiración para Elias Lönnrot á hora de realizar a súa tese na Universidade de Turku.[2]

No século XIX a colleita de materiais fíxose máis grande, sistemática e organizada, chegando a Sociedade de Literatura Finlandesa a arquivar medio millón de páxinas de versos recollidos en Finlandia, Estonia e Carelia.[3] A magna obra Suomen Kansan Vanhat Runot publicou en 33 volumes 85,000 ítems de poesía ao longo de corenta anos, permanecendo outros 65.000 items inéditos.[4]. A finais do XIX a colleita de materiais en Carelia e áreas do leste de Finlandia convertérase nunha moda, denominada carelianismo, unha forma de romanticismo nacional.

Segundo o folclorista finlandés Kaarle Krohn 20 dos 45 poemas do Kalevala poderían ter a súa orixe en Estonia, mentres que 23 serían do oeste de Finlandia e 2 de Ingria.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]