Ice Hockey Club Porto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
HC Porto
Fundación2023
Cidade Porto,
Portugal Portugal
LigaLiga Nacional Hockey Hielo
Adestrador Jim Aldred
CoresAzul e branco
           
Na rede
Facebook: portohc Instagram: hc.porto Editar o valor em Wikidata

O Ice Hockey Club Porto é un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Porto, Portugal. Fundouse en 2023 e compite na Liga Nacional Hockey Hielo (LNHH), a máxima competición de hóckey sobre xeo de España.

Historia[editar | editar a fonte]

O Ice Hockey Club Porto naceu en 2023 como resultado dos esforzos da Federação de Desportos de Inverno de Portugal por desenvolver o hóckey sobre xeo no país da man de Jim Aldred, que dende 2017 traballaba pola implantación da modalidade logo de establecerse en Sintra.[1]

Logo de moitos rumores, no verán de 2023 a conta de Instagram do Porto comezou a engadir contidos e revelou que xogaría na liga española para a tempada 2023-24, enmarcada aínda no centenario do hóckey sobre xeo español. Finalmente o novo equipo foi aceptado como participante da Liga Nacional Hockey Hielo pola Real Federación Española de Deportes de Hielo, aínda que o equipo portugués non podería participar nas fases finais nin ser campión da competición ao non contar co número mínimo de xogadores seleccionables que establecía a federación, como pasara anteriormente con equipos como os Milenio Panthers de Logroño.[2][3][4]

O HC Porto debutou o 19 de setembro fronte o SH Majadahonda, fronte o que perdeu por 8-0 na Nevera de Majadahonda ante 135 persoas. O primeiro gol do equipo portugués foi obra do letón Janis Berzins, a asistencias dos seus compatriotas Romans Glazkovs e Pauls Zvirbulis.[5] O seu primeiro partido como local na Pista de Xeo de Madrid fronte o Txuri Urdin o 23 de setembro de 2023 ante 47 espectadores, caendo fronte ao equipo donostiarra por 3-5. O primeiro gol do equipo como local foi obra do checo Petr Novak (que acabaría marcando todos os goles do seu equipo no partido) a pase do letón Eriks Ozollapa.[6]

Logo da entrada en competición do equipo portugués anunciouse que as federacións correspondentes de España e Portugal chegaran a un acordo para desenvolver unha liga ibérica con equipos de ambos países os e coa posible participación de Andorra como terceiro país na competición.[7][8]

Pavillón[editar | editar a fonte]

Ao non contar cunha pista axeitada en Portugal, na súa primeira tempada na LNHH o CH Porto xoga como local na pista do equipo contra o que xogue.[1]

Personalidades[editar | editar a fonte]

Adestradores[editar | editar a fonte]

O canadense de 60 anos afincado en Sintra Jim Aldred converteuse no primeiro adestrador do equipo portugués logo de traballar no desenvolvemento do hóckey sobre xeo portugués dende 2017.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Rodriguez de Rivera, Curro (28 de xullo de 2023). "Ice Hockey Club Porto, nuevo equipo de la liga española de hockey hielo" (en castelán). vavel.com. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  2. "Las novedades del hockey hielo nacional para la temporada 2023-24" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 21 de setembro de 2023. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  3. "HC Porto, un nuevo equipo portugués para la liga española". hockeyhielo.net (en castelán). 26 de xullo de 2023. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  4. "La Liga española de hockey hielo abre sus puertas al Oporto". MARCA (en castelán). 21 de setembro de 2023. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  5. "SH Majadahonda vs HC Porto" (en castelán). Federación Española de Deportes de Hielo. 19 de setembro de 2023. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  6. "HC Porto vs CHH Txuri Urdin" (en castelán). Federación Española de Deportes de Hielo. 23 de setembro de 2023. Consultado o 6 de outubro de 2023. 
  7. "Pushing ahead with Iberian ice hockey league". The Portugal News (en castelán). 8 de outubro de 2023. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  8. "La RFEDH y la FDIP firman un convenio de colaboración con una Liga Ibérica de Hockey Hielo en el horizonte" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 6 de outubro de 2023. Consultado o 25 de outubro de 2023.