Eu son

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "I Am That")
Copia da edición en Hindi do libro.

Eu son (en inglés, I Am That) é a obra máis coñecida de Nisargadatta Maharaj, e é considerado por numerosos guías espirituais contemporáneos coma un dos libros máis importantes nestes eidos[1] e referencia ineludible para o estudo do moderno Advaita Vedanta.

O libro, publicado en 1973, contiña transcricións de distintas conversas entre Nisargadatta Maharaj e diversos visitantes que acudían á súa humilde residencia en Mumbai na procura de consello espiritual.

A publicación do libro atraeu innumerables visitantes, tanto indios coma estranxeiros, ao fogar do mestre que foi considerado, dende entón, un referente da vida espiritual india tanto dentro coma fora do seu país.

No ano 1999, a versión en inglés, I Am That contaba xa con dezasete reedicións[2]. Foi traducido ao galego por Iván Sende e publicado en 2012 por Axóuxere Editora[3].

Elaboración[editar | editar a fonte]

As conversas que dan corpo ao libro foron gravadas, transcritas e traducidas por Maurice Frydman que actuaba de cote coma intérprete entre Nisargadatta e os seus interlocutores, pois Maharaj so falaba a súa lingua natal, o marata. No tocante aos os motivos que levaron á esta publicación o propio Nisargadatta explicaba: "Ao meu nivel, ignoraba o valor do meu coñecemento da realidade, pero Maurice Frydman, que xa convivira con sabios como Ramana Maharshi, Krishnamurti e outro máis, podía comparar e valorar os meus coñecementos. Para el había no que eu dicía un factor común co que xa oira. Por iso é polo que dixo: "Todo o que se di aquí a un visitante pérdese de inmediato, a pesar de que podería axudar moito aos que buscan a verdade. Gustaríame traducir e publicar as sus palabras para que os demais puidesen coñecelo". E entón escribiu o I Am That".[4].

As primeiras edicións constaban de dous volumes[5], e foi a editorial Chetana a encargada da publicación. Aínda que é Sudhaker S. Dikshit quen figura coma editor é probable que a maior parte deste traballo recaese en mans de Maurice Frydman[6]

Á par coa edición inglesa publicouse unha edición en marata revisada polo propio Nisargadatta[7].

Estrutura do libro[editar | editar a fonte]

I Am That conta con 101 capítulos ou seccións que se corresponden con cadansúa conversa. Aínda que moitas conversas están centradas nunha temática concreta, abundan as que tratan varios temas, sempre en relación coa busca espiritual. A extensión das mesmas varia entre dúas páxinas as máis curtas e seis ou sete as máis extensas superando as 500 páxinas de texto. Contén así mesmo varias notas tanto do editor coma do tradutor ao comezo do libro e, nas últimas edicións, incluíuse o apéndice "Nisarga Yoga", escrito por Maurice Frydman, que é un breve resumo das ensinanzas de Nisargadatta Maharaj, e outro apéndice sobre o Navnath Sampradaya, a liñaxe relixiosa á que pertencía Nisargadatta.

Título do libro e temática[editar | editar a fonte]

O título do libro "Eu son", fai clara referencia aos Mahāvākyas ou "grandes frases" dos Upanishads, os textos fundacionais dos Vedas, especialmente ao Tat Tvam Asi, literalmente "Ti es aquilo", (Tat = "presencia, divindade", Tvam = "ti", Asi = "es"), que ven a dicir: ti es o divino.

As ensinanzas de Nisargadatta están fortemente arraigadas no Advaita Vedanta, cuxo tema central apunta á identidade da alma individual, Atman, coa realidade última, o Brahman.

En moitas das conversas Nisargadatta demostra unha submisión completa cara o seu mestre ("Guru"), Sri Siddharameshwar Maharaj, ao que se refire de cote, e aconsella o camiño da devoción (Bhakti Yoga), a moitos dos seus visitantes, xa que considera que o camiño do coñecemento (Jnana Yoga), non é axeitado para todo o mundo[8]. Tamén aconsella en varias ocasións ao longo do libro o Ioga da acción (Karma Yoga), a varios dos seus interlocutores.

Temas principais[editar | editar a fonte]

A identificación co corpo[editar | editar a fonte]

Segundo Nisargadatta e outros mestres Advaita[9] un dos maiores obstáculos para a realización é a identificación co corpo: “En canto abandones a identificación co corpo serás sempre o Ser, ou Atman, unicamente. Para isto non se require ningún esforzo. Só tes que decatarte de que non es o corpo”[10].

Meditar na sensación "eu son"[editar | editar a fonte]

Un dos métodos para desfacerse desta identificción co corpo é centrarse na fonte da que xorde a conciencia, a sensación "eu son", que non é nin o corpo, nin os pensamentos, nin nada observable. Dacordo co sabio de Mumbai todo acontece porque “eu son” e, mesmo se dubidas deste feito, ten que haber alguén aí para dubidar[11]. “Si, a sadhana (práctica espiritual) consiste en lembrar a pura esencia dun mesmo, o feito de non ser nada en particular”[12].

A entrega[editar | editar a fonte]

“Vacíate”, “réndete” ou “abandona todo” é, de cote, o consello dado aos seus visitantes: "Calquera que sexa o teu camiño, este remata na entrega total á verdade"[13][14][15].

Coñecemento conceptual[editar | editar a fonte]

O apego ao coñecemento puramente conceptual tamén pode ser un problema para o estudante. Segundo David Godman en ocasións Nisargadatta “pechaba seu puño, batía con el no chan e berraba ‘Kalpana! Kalpana!’ que signfica ‘Concepto! Concepto!’ E esa era a única resposta que os estudantes tiña ás veces. Maharaj non tiña ningún interese en enredar cos conceptos que os seus visitantes traian; a súa intención era que os abandonasen, non que os discutisen”[16].

O esforzo[editar | editar a fonte]

Ao longo do libro o mestre insiste en ser serio (earnest)[17], ser dilixentes e coidadosos no traballo ata acadar o obxectivo final, a liberación ou ''Moksha''; “A seriedade é o indicativo da madurez”[18]. “Podes escoller o camiño que mellor se adapte a ti; a túa seriedade determinará a velocidade do teu progreso”[19].

Citas[editar | editar a fonte]

  • "Nada che pode causar problemas, agás a túa propia imaxinación."
  • "Ti observas o corazón que sinte, a mente que pensa, o corpo que actúa; o propio feito de percibir amosa que ti non es iso que percibes."
  • "Como corpo ocupas un espazo. Como mente vives nun determinado tempo. Pero es soamente un corpo cunha mente no seu interior? Investigaches isto algunha vez?"
  • "Os cambios son inevitables no cambiante, pero ti non estás suxeito a eles. Ti es o trasfondo inmutable sobre o cal se perciben os cambios."
  • "Abandona todas as preguntas excepto unha: "Quen son eu?". Despois de todo o único feito do que podes estar seguro é que ti es. O "eu son" é seguro, o "eu son isto", non. Esfórzate ata descubrir o que es realmente."

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eckhart Tolle sobre Nisargadatta Maharaj (son en inglés)
  2. Reseña en handbooks (en inglés)
  3. Eu son, ficha na web de Axóuxere Editora.
  4. Yoga en Zaragoza, Estudios tradicionales (en castelán)
  5. Pointers from Niargadatta Maharaj, Ramesh S. Balsekar
  6. Remembering Nisargadatta Maharaj, Five interviews with David Godman
  7. I Am That, Translators Note (Maurice Frydman), 1973
  8. Neal Rosner (Swami Paramatmananda), 'On the Road to Freedom: A Pilgrimage in India', Vol. 1, San Ramon, CA: Mata Amritanandamayi Center, 1987, pp. 212-8 (en inglés).
  9. http://www.buddhasangha.com/ramanamaharshiquotes/ramana_maharshi_quotes9.htm
  10. http://www.enlightened-spirituality.org/Nisargadatta_My_Recollections.html (en inglés)
  11. I Am That, Capítulo 51
  12. I Am That, Capítulo 33
  13. I Am That, Capítulo 73
  14. I Am That, Capítulo 83
  15. I Am That, Capítulo 84
  16. http://www.davidgodman.org/interviews/nis2.shtml (en inglés)
  17. I Am That, Capítulos 31, 88...
  18. I Am That, Capítulo 101
  19. I Am That, Capítulo 16.