Gezer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 31°51′32″N 34°55′08″E / 31.859°N 34.919°E / 31.859; 34.919

Megálito en Gezer.

Gezer (tamén Gazer) foi unha cidade dos filisteos.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes e época antiga[editar | editar a fonte]

Atopáronse evidencias de poboamento do Paleolítico, e foi habitada no neolítico por trogloditas da cultura Natufiana (cultura do Wadi Natuf), que serían expulsados de alí polos pobos semitas; o establecemento semita (cananeo) foi destruído, pero refíxose e converteuse en bastante importante; foi ocupada polo faraón Tuthmosis III, pero, malia iso, recuperou pronto a súa importancia e construíronse as murallas exteriores e un túnel de auga. No século –XV aparece gobernada por Yapahu de Gezer e Muhazu; acto seguido aparecen Milkilu (sobre -14001365), Baalu-Shipti (metade de século) Yapuhu (segunda parte do século) e Addadanu (finais do século). Foi destruída ben polo faraón Merneptah ou ben por Joshua ben Nun e os israelitas e permaneceu deserta ata pasado o -1200, cando chegaron os filisteos. Un rei de nome Horam aparece despois do -1200.

Os filisteos[editar | editar a fonte]

Estes construíron a acrópole e ergueron a cidade, que foi poboada por filisteos mesmo en tempos de Saúl e David. Este último, despois da batalla de Baal-perazim (a 4 km ao noroeste de Xerusalén) perseguiu os filisteos desde Geba ata Gezer (que foi o punto máis afastado ata onde chegou). Nas inmediacións de Gezer estaba a cidade de Ramla, que estaba habitada polos xesubitas, e tamén foi ocupada polos israelitas. En tempo do rei Salomón foi ocupada por un faraón (talvez Siamon) que a cedeu como dote da súa muller, unha princesa exipcia. Salomón reforzou as súas defensas (así como as de Hazor e Megiddo).

Foi atacada polo faraón Shoshenk I e máis tarde por Tiglatpileser III de Asiria, que a ocupou e en cuxas mans permaneceu, e despois nas de babilonios e persas, ata a conquista macedonia sobre o -332. Despois pertenceu a Exipto e finalmente aos seléucidas. Os seléucidas usárona de base en tempo da revolta dos macabeos e restauraron as súas defensas (despois do -170). Simón Macabeo conquistou a cidade sobre o -140 e o seu fillo Xoán Hircano construíu nela unha fortaleza.

Roma[editar | editar a fonte]

No século seguinte (-63) pasou a Roma. Continuou baixo poder romano ao longo do Imperio, incluíndo o período bizantino, ata que caeu en mans dos árabes sobre o 635. Quedan restos dos baños romanos e bizantinos.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Durante as cruzadas librouse a batalla de Montgisard (preto de Ramla) entre Saladino e as forzas do Reino de Xerusalén o 25 de novembro de 1177, batalla que se supón que ocorreu nas inmediacións do antigo emprazamento de Gezer. Aínda era unha pequena cidade baixo os mamelucos, pero baixo os otománs construíuse a aldea de Abu Shuseh, supostamente no outeiro próximo á antiga cidade.

Hoxe[editar | editar a fonte]

Crese que é a moderna Tel Gezer (Tell al-Jezer ou Abu Shusheh), na estrada entre Xerusalén e Yafo a uns 30 km ao oeste de Xerusalén. O lugar foi descuberto o 1871 por Charles Clermont-Ganneau e entre 1902 e 1907 foi estudado por Robert Macalister, que atopou algúns restos. Outras escavacións serían feitas por Alan Rowe (1934), G.E. Wright (1964-1965), William Dever, Yigael Yadin, e a Universidade de Andrews. A escavación retomouse en xuño de 2006 por un consorcio de institucións baixo a dirección de Steve Ortiz del Center for Archaeological Research of the New Orleans Baptist Theological Seminary, e de Sam Wolff da Autoridade de Antigüidades de Israel.

Un dos achados é o chamado Calendario de Gezer, unha placa cunhas inscricións polas que se deron diversas explicacións a modo de hipóteses, pero que, en xeral, parecen indicar as estacións agrícolas para os granxeiros. Tamén se atoparon 10 monumentos megalíticos probabelmente de orixe cananea, nove pedras fitos con inscricións e seis portas similares ás roubadas en Hazor e Megiddo.