Federico I Gonzaga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federico I Gonzaga.

Federico I Gonzaga, nado o 25 de xuño de 1441 e finado o 14 de xullo de 1484, foi un nobre de Mantova, terceiro marqués de Mantova entre 1478 e a súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casou con Margarida de Baviera o 6 de xuño de 1463, coa que tivo seis fillos. Ela era irmá do duque de Baviera, e o matrimonio foi favorecido pola nai del, Bárbara de Brandeburgo, para manter o marquesado na órbita xermana. Federico era intelixente e culto, e a súa muller pouco atractiva e elegante, tanto no vestir como no seu modo de ser.

Continuou a liña filo-milanesa do seu pai; xa antes de sucedelo á cabeza do marquesado militara como comandante das tropas milanesas. Por este motivo pasou frecuentes períodos lonxe de Mantova, durante os cales a administración do marquesado era confiada a Eusebio Malatesta, mentres que a guía das tropas era encargo do seu cuñado, Francisco Secco de Aragón, marido da súa irmá Caterina. Federico participou en diversas accións militares en defensa do ducado de Milán, máis en xeral contra Venecia, cuxa política naquelas épocas era moi agresiva. Durante unha destas operacións militares o cuñado Francisco Secco ocupou Asola, que tomara partido por Venecia, favorecido polo interdito que o papa Sisto IV, aliado da liga contra Venecia, lanzara contra o país. Axiña viu estipulada unha tregua entre os contendentes, e Ludovico Sforza (duque rexente de Milán) cedeu a conquista de Asola e doutros territorios ocupados, causando moita amargura a Federico. O marqués xa estaba enfermo, e seica o sufrimento pola perda das terras recentemente conquistadas tivo parte na súa morte. Foi soterrado na basílica de Santo André de Mantova.

Federico padeceu diversos loitos e problemas: a morte do seu irmán, o cardeal Francisco, e da súa irmá Susana, que despois da renuncia forzada ás vodas con Galeazzo Maria Sforza, se retirara a un convento. Sufriu unha tentativa de envelenamento por parte dos seus irmáns Gianfrancesco e Rodolfo, que buscaban substituílo.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Giuseppe Coniglio. I Gonzaga. Varese, Dall'Oglio, 1967.
  • Lorenzo Bignotti. La Zecca di Mantova e Casale (Gonzaga). Mantova, Grigoli, 1984