FEAFES Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
FEAFES Galicia
Tipoorganización
Data de fundación1995
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
Na rede
https://feafesgalicia.org/gl/
Facebook: feafesgalicia Twitter: FeafesGalicia Instagram: feafesgalicia LinkedIn: feafes-galicia Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]


A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha entidade sen ánimo de lucro e de interese social que naceu en 1995. Actualmente integra 15 asociacións membro e ten presenza en máis de 30 localidades galegas.

Saúde Mental FEAFES Galicia pretende mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, defendendo os seus dereitos e representando ao movemento asociativo no territorio galego. Deste xeito, brinda apoio e oordina ás asociacións membro, desenvolve accións de sensibilización e ofrece servizos gratuítos para as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.

Saúde Mental FEAFES Galicia pertence á Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Confederación SALUD MENTAL España) e é membro da Federación Europea de Familiares de Persoas con Enfermidade Mental (EUFAMI). Do mesmo modo, forma parte do Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI-Galicia) e da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-Galicia).

Historia[editar | editar a fonte]

Ata os anos 80, as persoas con problemas de saúde mental recibían unha atención insuficiente e pouco profesional que estaba sustentada fundamentalmente nos familiares máis próximos. Quen tiña un diagnóstico máis grave era ingresado en hospitais psiquiátricos ou manicomios, onde o tratamento e a atención realizábanse en condicións pouco axeitadas. 

Na década dos 80 naceu un movemento social que pretendía promover unha reforma psiquiátrica para mudar esta situación. Este movemento acadou o seu cumio en 1986 coa aprobación da Lei Xeral de Sanidade que instaba a pechar os manicomios e derivar aos pacientes de saúde mental a recursos máis dignos e apropiados.

Coincidindo con este movemento, comezaron a aparecer as primeiras asociacións de defensa dos dereitos deste colectivo. Concretamente en Galicia, en 1980 creouse a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) na Coruña e en 1987 naceu a Asociación de Axuda ó Enfermo Psíquico de Vigo (DOA Saúde Mental).

Na década dos 90, o movemento asociativo de atención ás persoas con problemas de saúde mental expandiuse por toda a comunidade galega, creándose entre 1990 e 1999 un total de 12 asociacións. Foi durante este proceso, no ano 1995, cando naceu a federación Saúde Mental FEAFES Galicia para agrupar e coordinar a todas estas asociacións, instituíndose como entidade de encontro, deliberación e acción para prosperar na normalización da saúde mental en Galicia.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

O traballo de Saúde Mental FEAFES Galicia está dirixido tanto ás persoas con problemas de saúde mental como ás súas familias. Ademais, a federación tamén realiza accións de formación, información e sensibilización dirixidas a profesionais relacionados coa saúde mental e á sociedade en xeral.

Entre os seus obxectivos atópase a defensa dos dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, a quen se lles ofrece de forma gratuíta unha serie de servizos e axudas que lles permite mellorar a súa calidade de vida. Ademais, os profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia asesoran ás entidades membro e representan ao movemento asociativo, do mesmo modo que levan a cabo campañas de sensibilización e concienciación.

Principios[editar | editar a fonte]

Na execución do seu traballo, Saúde Mental FEAFES Galicia ten en conta unha serie de principios que rexen a súa actividade:

- O fomento da participación cidadá, onde as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias únense para defender os seus dereitos e reclamar melloras na atención á saúde mental.

- A colaboración coas distintas Administracións Públicas aportando a perspectiva das propias persoas usuarias dos servizos de saúde mental. A entidade xestiona diversos recursos como centros de rehabilitación, programas de atención domiciliaria, de respiro familiar, vivendas tuteladas, etc.

- A promoción da sensibilización social cara as persoas con problemas de saúde mental, do mesmo modo que estimula a investigación sobre este tipo de patoloxías e a súa prevención.

- O asesoramento e apoio ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias, pois ofrecen espazos de participación cidadá e xestionan servizos de calidade como a atención domiciliaria, intervención familiar, programas de emprego, etc.

- As persoas con problemas de saúde mental xogan un importante papel dentro da organización: forman parte das Xuntas Directivas das asociacións e existe un Comité en Primeira Persoa cuxa perspectiva e decisións son tidas en conta dende a Federación. 

== Servizos e programas

==

Co obxectivo de ofrecer unha atención integral ás persoas usuarias e ás familias, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cos seguintes servizos gratuítos:

Información, asesoramento e apoio[editar | editar a fonte]

A entidade facilita ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias toda aquela información e asesoramento que precisen sobre temas relacionados coa saúde mental, os recursos dispoñibles e os servizos dos que poden facer uso. Ademais, conta cun teléfono de información gratuíto a disposición de toda a cidadanía: 900 102 661. Tamén ofrece asesoramento legal gratuíto para todas aquelas persoas con problemas de saúde mental mental, familiares, asociacións e/ou profesionais que precisen orientación en temas de pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penais ou laborais.

Acción social[editar | editar a fonte]

Saúde Mental FEAFES Galicia atende ás persoas con problemas de saúde mental en situación de especial vulnerabilidade social, económica ou material. O persoal da entidade traballa na contorna destas persoas realizando unha intervención específica e particular con cada unha delas.

Inserción laboral e emprego[editar | editar a fonte]

Saúde Mental FEAFES Galicia conta co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM) que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral deste colectivo a través de diversas accións de información, orientación, formación, prospección, intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento dun posto de traballo. Ademais, as asociacións federadas na entidade dispoñen de Centros Ocupacionais e Centros Especiais de Emprego.

Lecer e deporte[editar | editar a fonte]

As actividades de ocio e deportes organizadas en Saúde Mental FEAFES Galicia permiten mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental xa que rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, estas actividades permiten que as familias tomen un respiro nas tarefas de coidados que exercen durante todo o ano.

Comunicación e sensibilización[editar | editar a fonte]

Saúde Mental FEAFES Galicia trata de difundir unha imaxe positiva das persoas con problemas de saúde mental ante a sociedade. Para iso, a entidade está en contacto cos medios de comunicación, elabora publicacións e material divulgativo e realiza campañas de sensibilización.

Apoio ás asociacións[editar | editar a fonte]

Saúde Mental FEAFES Galicia é o punto de encontro que agrupa a 15 asociacións de saúde mental de toda a comunidade autónoma, brindándolles información e apoio técnico. A misión da federación inclúe a representación das asociacións que a integran, aumentando así a visibilidade do movemento asociativo e a forza das súas mensaxes e reivindicacións.

Comité en Primeira Persoa[editar | editar a fonte]

Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Comité en Primeira Persoa formado por persoas usuarias da entidade que ten como obxectivo darlles voz propia e facelas partícipes das decisións da entidade. O Comité en Primeira Persoa traballa a favor dos dereitos do colectivo e contra o estigma asociado aos problemas de saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia pretende que este comité sirva de impulso para o cumprimento da Estratexia en Saúde Mental e se converta nun foro de ideas dende o cal se deseñen vías de solución. Este órgano tamén axuda a Saúde Mental FEAFES Galicia a cumprir a súa misión permitindo que se intercambien experiencias entre as distintas asociacións e, sobre todo, que as persoas usuarias sexan unha parte activa na entidade.

A través dunha serie de reunións periódicas, as persoas que conforman o comité tratan temas que lles afectan como a mellora da atención socio-sanitaria ao colectivo, a formación como medio facilitador da inserción laboral ou as posibles accións de loita contra o estigma, entre outros. O comité conta cun blog propio: mentalizaccion.org.

Axencia de colocación[editar | editar a fonte]

Dende novembro do 2013, Saúde Mental FEAFES Galicia conta coa certificación oficial que a acredita como Axencia de Colocación. Esta acreditación, concedida polo Servizo Público de Emprego Estatal, implica un recoñecemento á eficacia e transparencia do traballo que realiza a entidade a favor da inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.

No seu traballo como Axencia de Colocación, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece unha serie de servizos gratuítos tanto ao empresariado comoás persoas demandantes de emprego: análise das necesidades das empresas, axuste das persoas demandantes aos postos de traballo, asesoramento e acompañamento no proceso de inserción laboral etc. A través destas accións, Saúde Mental FEAFES Galicia pretende facilitar un posto de traballo axeitado ás características de cada persoa con problemas de saúde mental que estea en busca de emprego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]