Escafandro estratonáutico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O escafandro estratonáutico, c. 1935.

O escafandro[1] estratonáutico foi un traxe presurizado deseñado polo coronel Emilio Herrera Linares en 1935 para ser usado durante un voo estratosférico mediante un globo aerostático de barquilla aberta programado para o ano seguinte. Considérase un dos antecedentes do traxe espacial.[2]

O voo nunca tivo lugar debido ao comienzo da Guerra Civil Española. Herrera, que militou no bando republicano, fuxiu a Francia en 1939, onde morreu no exilio en 1967. O traxe, feito de seda vulcanizada, foi cortado e usado para facer chubasqueiros para as tropas. Sería o primeiro traxe totalmente presurizado funcional da historia, aínda que nunca chegou a usarse en condicións reais.

O traxe tiña no seu interior unha funda hermética (probada no baño do piso de Herrera en Sevilla) recuberta dun armazón metálico articulado con plegues similares aos dun acordeón. Tiña partes articuladas para os ombreiros, a cadeira, os cóbados, os xeonllos e os dedos. A mobilidade do traxe foi probada na estación experimental de Cuatro Vientos e, segundo Herrera, era "satisfactoria". O traxe era alimentado con oxíxeno puro. Herrera deseñou un micrófono especial sen carbono para ser usado no interior do traxe e evitar calquera posibilidade de ignición espontánea. O visor do casco usaba tres capas de cristal: unha irrompible, outra cun filtro ultravioleta e a exterior opaca ao infravermello. As tres capas tiñan un tratamento antibafo.

Herrera incluíu un quentador eléctrico no traxe, pero durante as probas nunha cámara que simulaba grandes alturas o traxe quentábase ata os 33 °C mentres que a temperatura da atmosfera a seu arredor descendía a -79 °C. Herrera deuse conta de que o problema nun traxe presurizado situado nun contorno de case baleiro era en realidade eliminar a calor sobrante producida polo corpo humano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escafandro.
  2. Mark Wade (2020). "Escafandra Estratonautica". Consultado o 16 de marzo de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]