Enol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non se debe confundir con inol.
Enol.
Enolato.
Enodiol.
Redutona.
Tautómeros ceto-enol
Á dereita a forma enol.

Un enol ou alquenol é un alqueno (hidrocarburo cun dobre enlace entre carbonos) que leva unido un grupo hidroxilo a un dos átomos de carbono do dobre enlace. Un alqueno que leve un hidroxilo unido en cada un dos carbonos do dobre enlace denomínase enodiol. Os anións desprotonados dos enois reciben o nome de enolatos. Unha redutona é un composto que ten unha estrutura de enodiol cun grupo carbonilo adxacente.

O dobre enlace C=C co grupo OH adxacente dálle aos enois e enodiois as súas características químicas, que fan que presenten tautomería ceto-enólica. Na tautomería ceto-enol, os enois interconvértense coas cetonas ou aldehidos.

As palabras enol e alquenol proceden de alqueno ou do prefixo en que indica dobre enlace, e da terminación ol dos alcohois, indicando o seu grupo hidroxilo.

Tautomería ceto-enólica[editar | editar a fonte]

Os enois interconvértense con compostos con grupos carbonilo que teñen un hidróxeno alfa, como cetonas e aldehidos. O composto é desprotonado nun lado e protonado noutro, á vez que se intercambia a posición dun enlace sinxelo e outro dobre. Estes cambios denomínanse tautomería ceto-enólica.

A forma enol é xeralmente inestable e cambia rapidamente á forma ceto (cetona), debido á maior electronegatividade do osíxeno, que lle permite formar enlaces máis fortes.

Tautomería en compostos multicarbonados[editar | editar a fonte]

Porén, en compostos 1,3-dicarbonil e 1,3,5-tricarbonil predominan as formas (mono-)enol. Isto débese á formación intramolecular de enlaces de hidróxeno e posiblemente a unha doada transferencia de protóns interna. [1]

Así, no equilibrio, aproximadamente o 99% das moléculas de propanodial (OHCCH2CHO) están na forma mono-enol. A porcentaxe é menor para as 1,3-aldehido cetonas e dicetonas, como a acetilacetona.

Propanodial, a 1,3-dicarbonil

Enolatos[editar | editar a fonte]

Formación dun enolato.

Cando ocorre a tautomería ceto-enol, o ceto ou o enol é desprotonado e fórmase un anión chamado enolato como intermediato da reacción. Os enolatos son xeralmente moi básicos. Nos enolatos a carga aniónica deslocalízase no osíxeno e o carbono. [2] Os enolatos son estabilizados en certo grao por esta deslocalización da carga sobre tres átomos. [3] Nas descricións clásicas do enlace, fundamentalmente na teoría do enlace de valencia, isto explicábase por un fenómeno chamado resonancia (unha explicación máis moderna dáa a teoría dos orbitais moleculares).

Keto-enol-tautomerism
Keto-Enol-Tautomerie1.svg Keto-Enol-Tautomerie2.svg
Keto-Enol-Tautomerie3.svg
Keto-Enol-Tautomerie4.svg
Interconversión entre as formas ceto e enolato; desprotonación do átomo de carbono α. Anión enolato, descrito en termos de resonancia. Á esquerda o carbanión. Interconversión entre o enolato e o enol; protonación do enolato.
Movemento de pares de electróns na desprotonación do ácido ascórbico (vitamina C), convertendo un enodiol (esquerda) nun enolato (dereita).

Enodiois[editar | editar a fonte]

Un enodiol é un alqueno cun grupo hidroxilo unido a cada un dos carbonos do dobre enlace C=C. Os enediois son intermediatos de reacción na transformación Lobry-de Bruyn-van Ekenstein.

Tautomería cetol-enodiol. No medio o enodiol. A esquerda e dereita dous isómeros aciloína.

Redutonas[editar | editar a fonte]

Os enodiois cun grupo carbonilo adxacente ao grupo enodiol denomínanse redutonas. A estrutura enodiol estabilízase por resonancia, como resultado da tautomería co carbonilo adxacente. Por tanto, o equilibrio químico produce principalmente a forma enodiol en vez da ceto. As redutonas son axentes redutores fortes, eficaces antioxidantes e ácidos bastante fortes. [4] Exemplos de redutonas son o tartronaldehido, o ácido redúctico e o ácido ascórbico.

Exemplos de redutonas
Tartronaldehyde.svg Reductic acid.svg L-Ascorbic acid.svg
Tartronaldehido  Ácido redúctico  Ácido ascórbico
(Vitamina C)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. W. Caminati, J.-U. Grabow (2006). "The C2v Structure of Enolic Acetylacetone". Journal of the American Chemical Society 128 (3): 854–857. DOI:10.1021/ja055333g. PMID 16417375. 
  2. Nic, M.; Jirat, J.; Kosata, B., eds. (2006–). "enolates". IUPAC Compendium of Chemical Terminology (Online ed.). doi:10.1351/goldbook.E02123. ISBN 0-9678550-9-8. Enolates.
  3. Chemistry of Enolates and Enols - Acidity of alpha-hydrogens
  4. Nic, M.; Jirat, J.; Kosata, B., eds. (2006–). "reductones". IUPAC Compendium of Chemical Terminology (Online ed.). doi:10.1351/goldbook.R05224. ISBN 0-9678550-9-8. Reductones.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]