Eduardo Vilariño Pintos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEduardo Vilariño Pintos
Biografía
Nacemento21 de novembro de 1942 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeespañola
Formación profesionalLicenciado e Doutor en Dereito
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxurista, catedrático de universidade
EmpregadorUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoPublicacións xurídicas
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiJosé Vilariño de Andrés-Moreno
IrmánsDaría Vilariño Pintos (entre outros)

Eduardo Vilariño Pintos, nado en Santiago de Compostela o 21 de novembro de 1942, é un xurista galego especializado en dereito internacional e catedrático de universidade.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Despois de cursar o bacharelato no Instituto Arzobispo Gelmírez, licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, seguindo a tradición familiar do seu avó, Eduardo Vilariño Magdalena, que fora catedrático de Elementos de Dereito Natural nesa universidade,[1] e alcalde de Santiago de Compostela entre 1904 e 1906, e de seu pai, José Vilariño de Andrés-Moreno,[1] que foi xefe de protocolo da mesma universidade.

Unha vez licenciado, continuou na universidade compostelá como profesor adxunto interino. No curso 1959-1960, coa chegada de Antonio Poch Gutiérrez de Caviedes, por concurso de traslado, á cátedra de Dereito Internacional Público e Privado, procedente da Universidade de Valladolid,[2] Vilariño foi o seu axudante, e Poch dirixiu a súa tese de doutoramento, "La extradición en España: contribución a su estudio iuspositivo", lida no ano 1970.[3]

No ano seguinte, o profesor Poch foi proposto para ocupar a cátedra de Dereito Diplomático e Consular da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, da que foi titular até a súa xubilación, o 7 de febreiro de 1982.[2] O doutor Vilariño acompañouno como adxunto e sucedeu ao doutor Poch nesta cátedra á súa xubilación.

É irmán de Daría Vilariño Pintos, que durante moitos anos foi a directora da biblioteca da Universidade de Santiago.

Legado[editar | editar a fonte]

En setembro de 2010 a Biblioteca Concepción Arenal da USC arrequeceu os seus fondos ao recibir un importante donativo do profesor Vilariño Pintos. Trátase da biblioteca que foi do seu avó Eduardo Vilariño Magdalena, completada polo seu pai José Vilariño de Andrés-Moreno até 1935. Consta de algo máis de 400 exemplares entre libros, discursos, folletos e algún manuscrito que, en conxunto, constitúe unha colección de indubidábel valor histórico, testemuñal e bibliográfico con obras que se remontan ao século XVI.[1]

En realidade, a doazón de Eduardo Vilariño Pintos comezara hai xa anos cunha primeira entrega á antiga biblioteca da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de exemplares do século XIX da Gaceta de Madrid, entre outros. Máis recentemente, en 2005, continuou coa achega da Jurisprudencia Civil, o que posibilitou cubrir bastantes lagoas na colección que xa tiña a Biblioteca Concepción Arenal e, sobre todo, a Jurisprudencia Criminal, da que a biblioteca tiña unha colección moi cativa, que foi substituída por esta, ao estar completa desde o Tomo 1 (1871) ao Tomo 135 (1935). Este segundo legado quedou aceptado formalmente no Consello de Goberno da USC do 22 de xuño de 2004, no que se acordou por asentimento propoñer ao Consello Social da Universidade «a aceptación da doazón de 334 volumes de xurisprudencia civil e criminal editada pola Revista de Legislación y Jurisprudencia, doados por don Eduardo Vilariño Pintos de conformidade co contrato que se anexa. O secretario xeral, no nome da USC, agradeceulle ao profesor Vilariño a súa doazón, que pasa a formar parte da Biblioteca Concepción Arenal».[4]

Aínda que o legado doado en 2010 comprende fundamentalmente obras dos séculos XIX e XX, hai que destacar outras como o Corpus Iuris Canonici emendatum et notis illustratum, en tres volumes, publicado en Lión en 1591 e en moi bo estado, ou os volumes da Novísima Recopilación de las leyes de España, ou El Fuero Viejo de Castilla, en preciosa edición da imprenta de Joachin Ibarra. Figuran nos volumes algúns ex libris que quizais merecesen un estudo pormenorizado e que nos falan das súas amizades, compañeiros e relacións. Como académico que foi, de Eduardo Vilariño Magdalena consérvanse algúns discursos ou contestacións súas. Algúns exemplares son manuais de autores italianos ou franceses, e non faltan obras de autores españois dunha época importante do dereito español.[5]

Obra[editar | editar a fonte]

Ademais de numerosos artigos en revistas especializadas, como a Revista Española de Relaciones Internacionales, a Revista de Instituciones Europeas, o Anuario Hispano-Luso-Americano de derecho internacional,[6] e varios capítulos en obras colectivas,[7] destacan sobre todo as súas monumentais obras:

  • Curso de derecho diplomático y consular: parte general y textos codificadores (Tecnos, 1987. ISBN 978-84-309-1477-3)
  • La construcción de la Unión Europea (2ª ed. Arco Libros, 1996. ISBN 978-84-7635-217-4)
  • Curso de Derecho Diplomático y Consular: Parte General y Derecho Diplomático (2ª ed. Tecnos, 2007. ISBN 978-84-309-4672-3)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Méndez García 2011, p. 207.
  2. 2,0 2,1 Poch Gutiérrez de Caviedes, Antonio Arquivado 16 de outubro de 2019 en Wayback Machine. en Diccionario de catedráticos españoles de derecho (1847-1943). Universidad Carlos III de Madrid.
  3. "La extradición en España: contribución a su estudio iuspositivo. Eduardo Vilariño Pintos. Tese de doutoramento dirixida por Antonio Poch y Gutiérrez de Caviedes . Universidade de Santiago de Compostela (1970).
  4. Méndez García 2011, pp. 207-208.
  5. Méndez García 2011, p. 209.
  6. Artículos en revistas en Dialnet.
  7. Artículos en libros en Dialnet.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]