Defecación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anatomía do ano e do recto do ser humano.

A defecación é o proceso biolóxico de eliminación das feces.

Proceso[editar | editar a fonte]

Despois de pasar polo intestino delgado e groso, o quimo xa é materia fecal, polo que se vai almacenar no colon para logo desbotarse. Hai varias "válvulas" para manter as feces até a hora da defecación. Xa acumulada a materia suficiente, o sistema parasimpático relaxa o esfínter interno do ano (involuntario), que vai traer como reflexo a constrición do esfínter externo (voluntario) e a tensión do músculo elevador do ano. Xunto con iso vén a necesidade de defecar.

O músculo elevador do ano produce un ángulo entre o recto e o mencionado orificio, que é como cando se dobra unha mangueira (péchase o paso da materia ao pechar o conduto). No momento de defecar, o esfínter externo relaxa voluntariamente e o músculo elevador do ano reláxase dando lugar a un cambio de 90° a 15° entre o recto e ano. Isto permite a evacuación das feces. Para todo isto, debe de haber algo que empurre, e é do que se encarga a presión intraabdominal. Ao tensar os músculos das paredes abdominais (puxar) increméntase a presión abdominal e remátase evacuando.

A regulación débese á actuación de varios compoñentes do sistema nervioso. Nun primeiro momento é o sistema nervioso entérico o que ante a distensión do recto pola chegada das feces estimula os movementos peristálticos en masa do intestino groso. Tamén se estimula ao sistema parasimpático para a relaxación do esfínter interno, a través do nervio sacro. Finalmente é a codia cerebral de forma voluntaria a través dos nervios pudendos a que relaxa o esfínter externo. Se conscientemente se reprime o reflexo da defecación, os sinais do parasimpático cesan, e non se repiten até que non volvan producirse máis movementos en masa, especialmente despois das comidas. Os animais que carecen de control voluntario teñen un reflexo gastrocólico.