Centro de procesamento de datos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Equipamento de comunicacións nun CPD.

Un data center (do inglés "centro de datos") ou centro de procesamento de datos é unha instalación onde se concentran todos os recursos necesarios para o procesamento da información dunha organización. Ditos recursos consisten esencialmente nunhas dependencias debidamente acondicionadas (con refrixeración, sistemas anti-incendios, UPS, etc.), computadoras e redes de comunicacións. Os centros de proceso de datos adóitanse denominar polo seu acrónimo CPD.

Como o seu nome implica, un centro de datos pertence a unha organización, que o emprega para procesar os datos precisos para as súas operacións. Un banco, por exemplo, pode dispor dun centro de datos nos que manteña toda a información das contas bancarias dos seus clientes e que realice todas as transaccións necesarias. Practicamente toda compañía de mediano tamaño para riba dispón dalgún tipo de centro de datos e as máis grandes poden ter ducias deles. A maioría das grandes cidades contan con edificios destinados a funcionar como centros de datos en lugares seguros preto dos servizos de telecomunicacións.

Dado que a información é un aspecto crucial da maioría das operacións dunha organización, estas tenden a protexer ben os seus datos. Por iso os centros de datos se deseñan moi ben, de maneira que se garantan a integridade e funcionalidade dos seus sistemas. Isto lógrase mediante a súa distribución física e lóxica.

Distribución física[editar | editar a fonte]

Un centro de procesamento de datos pode ocupar un cuarto dun edificio, un ou máis andares ou o edificio completo. A maior parte do equipamento consiste en servidores montados en armarios, colocados normalmente en fileiras que formas corredores entre eles, permitindo así acceder á súa parte posterior e anterior. Algúns equipos, como os computadores mainframe e os dispositivos de almacenamento son moitas veces tan grandes como os armarios mesmos e colócanse cabo deles.

O contorno físico do centro de datos mantense normalmente baixo un control estrito:

  • Emprégase ventilación ou aire condicionado para manter o cuarto morno, a non máis de 22 °C. Tamén pode haber control da humidade. Isto débese a que tanto equipamento electrónico nun espazo tan limitado xera moito calor e tende a funcionar mal se a temperatura sube demasiado. Igualmente, demasiada humidade pode comezar a condensarse nos compoñentes internos e demasiado pouco pode causar electricidade estática que afecte os compoñentes.
  • Sistemas de alimentación eléctrica ininterrompida, ás veces mediante xeradores diesel.
  • Moitos centros de datos se montan sobre lousas cadradas elevadas para que o ar circule por baixo do chan para permitir mellor refrixeración e/ou para pasar por aí os cables eléctricos. Os cables de datos normalmente pasan por bandexas colocadas no falso teito. Se non se empregan estas losetas elevadas, téndese a recorrer a outras lousas anti-estáticas.
  • Servizo anti-incendios, con detectores de fume, portas, etc. e unha división do espazo que permita illar unha zona afectada de xeito que non se estenda ao resto. Non se instalan sistemas de apagado por medio de auga, xa que o dano podería ser maior. Antes usábanse outros que empregaban CFC, que foron prohibidos polo Protocolo de Montreal polo seu efecto sobre a capa de ozono e agora argonita ou FM-200.
  • O acceso físico está controlado moitas veces e só se permite o paso a persoal seleccionado. Emprégase videovixilancia e/ou gardas de seguridade.

Infraestrutura de redes[editar | editar a fonte]

As comunicacións nos centros de datos baséanse normalmente en redes que empregan o conxunto de protocolos TCP/IP. Os routers e switches encárganse do tráfico entre os servidores e co mundo exterior. Establécese certa redundancia obtendo as conexións de rede de varios distribuidores.

Algúns dos servidores dos centros de datos encárganse dos servizos básicos de internet e da intranet (e-mail, proxies, servidores de DNS, etc.

Teñen especial importancia os elementos de seguridade de rede: devasas, pasarelas VPN, sistemas de detección de intrusións, etc. A rede e as aplicacións contrólanse continuamente, ás veces desde fora do centro de datos por se se producen fallos na comunicación.