Carracha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carracha

Chámase carracha a diversos xéneros de arácnidos hematófagos (aliméntanse de sangue) da orde ácaros, os de maior tamaño neste grupo. Encádranse nas familias Ixodidae, Argasidae e Nuttalliellidae.

Este tipo de animais practica o parasitismo, unha das relacións interespecíficas que ten lugar entre individuos de distinta especie.

Para atopar un hóspede adecuado poden esperar semanas ou mesmo meses entre a herba ou nas árbores. Cando se atopan cun posible candidato apropiado, ruben sobre el (algúns se deixan caer desde a vexetación alta), e por medio dos seus quelíceros, penetran a pel e empezan a chuparlle o sangue. O seu corpo ínchase e cando está cheo sóltanse. Os Ixodidae atacan a numerosos mamíferos, incluído o home, e os Argasidae parasitan sobre todo a aves.

As carrachas atópanse a miúdo na herba alta, onde esperan no extremo dunha folla para tentar engancharse a calquera animal ou persoa que pase. Unha idea falsa moi común é pensar que a carracha é capaz de saltar da planta ao hóspede, pero o único método de transmisión é o contacto físico.

A carracha termina saltando do animal cando se enche, pero isto pode tardar varios días. Na súa boca, as carrachas teñen unha estrutura que lles permite engancharse firmemente ao lugar do que están a chupar sangue. Tirar dunha carracha á forza pode facer que partes da carracha se desprendan e queden na trabadura, a miúdo o aparello bucal enteiro, o cal pode producir infeccións.

Para extraer a carracha pódense utilizar unhas pinzas de metal, pero córrese o risco de que deixe a súa cabeza dentro. Entre os métodos para extraer a carracha sen deixar dentro da pel a cabeza ou a boca, están por exemplo anestesiala cunha sustancia como o éter. Como remedio caseiro, adóitase botar un pouco de aceite de oliva e alcol, que facilita a extracción ou o desprendemento da carracha, para despois tocala cunha agulla ardendo (con coidado de non tocar a pel do hóspede) para que se retire da pel nun acto reflexo e poder separala sen problemas. Despois de extraída lávase ben a ferida e aplícaselle tintura de iodo para desinfectala mellor.

Picadura de carracha[editar | editar a fonte]

Aínda que a maioría das picaduras de carracha son inofensivas, ás veces poden transmitir enfermidades. Entre estas podemos citar unha enfermidade recentemente identificada como enfermidade de Lyme, causada pola Borrelia burgdorferi. Esta enfermidade causa artrite, trastornos do corazón e do sistema nervioso como encefalite ou meninxite. A época de maior risco para contraer esta enfermidade é ao final da primavera e o inicio do verán.

Os síntomas polos que se identifica esta enfermidade son similares aos dunha gripe común (febre, dor muscular, malestar xeral, cefalea e fatiga), precedidos dun "eritema crónico migrans" (mancha avermellada circular) como primeiro signo da enfermidade.

O diagnóstico realízase mediante unha demostración de anticorpos fronte á Borrelia burgdorferi.

O tratamento adoita ser tetraciclina ou penicilina, ou macrólidos.

É necesario tratar esta enfermidade o máis axiña posible, xa que mesmo o 15% dos pacientes que reciben tratamento inmediato sofren complicacións. En ocasións esta enfermidade é confundida con artrite reumatoide, meninxite ou esclerose múltiple.