Bunchy Carter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alprentice Carter, máis coñecido como Bunchy Carter, foi un activista político e cuadrilleiro estadounidense. Asasinado o 17 de xuño de 1969, é considerado un mártir do movemento Black Power estadounidense por certos colectivos.

Mocidade[editar | editar a fonte]

A comezos dos anos 60, Carter era membro da cuadrilla Slauson, de Los Angeles, nela formaba parte do núcleo máis violento, alcumados os “Renegados”, cos que gañou o seu alcume de “Alcalde do Guetto”. Acusado de roubo con armas, Carter pasou catro anos encarcerado na prisión de Soledad. Durante a súa condena recibiu as influencias de Nación do Islam, así como das ensinanzas de Malcolm X, a consecuencia das cales se converteu ao Islam.

Militancia política[editar | editar a fonte]

No ano 1967, unha vez en liberdade, entra en contacto con Huey Newton, un dos fundadores do Partido Pantera Negra, que o convence para entrar na organización. A comezos de 1968, Carter forma parte da sección do Sur de California do partido, converténdose nun dos seus líderes. Como todas as seccións do Partido, os militantes do Sur de California estudaban literatura política, ademais de recibir entrenamento en armas de fogo e primeiros auxilios. Comezaron tamén o Programa de Almorzo Gratuíto para Nenos, para garantir a alimentación das clases máis desfavorecidas, facéndolles gañar rapidamente unha grande cantidade de membros. Nesa época, Carter entrou en contacto con importantes personalidades da organización, como Elaine Brown ou Geronimo Pratt.

Asasinato[editar | editar a fonte]

Conforme a súa influencia social aumentaba os Panteras Negras sufriron a influencia do FBI, que desenvolveu o plano COINTELPRO para desartellalos valéndose de confidentes, infiltrados e da creación de disensións internas. Traballando conxuntamente coa policía de Los Angeles, a presión do FBI trouxo consigo infinidade de enfrontamentos, altercados e arrestos inxustificados, que supuxeron o encarceramento ou a morte de moitos dos militantes dos Panteras Negras.

Paralelamente, o FBI intensificou a rivalidade existente entre os Panteras Negras e outros grupos do nacionalismo negro, no caso de California, Organización Us, fundados por Ron Karenga. Para isto serviuse de provocacións mútuas, como debuxos ofensivos que foron enviados a cada grupo como se fosen remitidos polo outro. A rivalidade aumentou, cando no ano 1969 ambos apoiaron candaseu candidato para levar o Centro de Estudos Afroamericanos da Universidade de California de Los Angeles (UCLA).

O 17 de xaneiro de 1969, durante unha reunión de estudantes negros no Campebell Hall da UCLA, Bunchy Carter e John Huggins, outro membro das Panteras, foron escoitados facendo comentarios despectivos sobre Ron Karenga. Outras versións, apuntan a que o que se produciu foi unha forte discusión entre Elaine Brown e algúns membros de Us. Produciuse un altercado que rematou co asasinato a tiro de Carter e Huggins.

Os membros do Partido Pantera Negra tiveron sempre a hipótese de que o acontecido fora un asasinato premeditado. Pola súa banda, os membros de Us defenderon que se tratara dun incidente espontáneo. Geronimo Pratt declarou anos máis tarde que o incidente fora fortuíto, aínda que se encadrase dentro da política de insidias do FBI.

Despois do tiroteo, os irmaos George e Larry Stiner, xunto con Donald Hawkins, entregáronse á policía. Foron acusados de conspiración para o asasinato e de dous asasinatos en segundo grao. Os irmaos Stiner foron condenados a cadea perpetua, e Hawkins cumpriu unha pena nun centro para menores.

Repercusión[editar | editar a fonte]

O incidente serviu como excusa para que a policía de Los Angeles asaltase un apartamento do Partido Pantera Negra, e arrestase a 75 membros, alegando que conspiraban para asasinar a membros de Us como vinganza.

A Unión de Estudantes Negros (Black Student Union) de UCLA, viuse tremendamente afectada polo suceso, cesando a súa actividade efectiva durante moitos anos.

O incidente reforzou a marxinalización do Partido Pantera Negra, deixando paulatinamente de ser considerado unha organización constructiva e pacífica por parte da sociedade.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Elaine Brown, A Taste of Power: A Black Woman's Story, Doubleday, New York, 1992.
  • Scot Brown, Fighting for US: Maulana Karenga, the US Organization, and Black Cultural Nationalism, NYU Press, New York, 2003.
  • The Black Panther: Black Community News Service newspaper, Berkeley, Spring 1991.
  • Kit Kim Holder, The History of the Black Panther Party 1966-1972: A Curriculum Tool for Afrikan Amerikan Studies, 1990, Amherst College Library, Amherst, Mass.
  • Huey Newton, War Against the Panthers: A Study of Repression in America, University of California Santa Cruz, June 1980.
  • Ward Churchill and Jim Vander Wall, Agents of Repression: The FBI's Secret Wars Against the Black Panther Party and the American Indian Movement, South End Press: Boston, 1990.