Aukera Guztiak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aukera Guztiak
Tipopartido político
IdeoloxíaNacionalismo vasco
Data de fundación2005
Data de disolución31 de marzo de 2005
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Aukera Guztiak (AG) (en éuscaro significa Todas as opcións) foi unha agrupación electoral xurdida en 2005 para presentarse ás eleccións autonómicas do 17 de abril no País Vasco. Os seus promotores definíronse como unha agrupación de cidadáns crítica coa ilegalización de Batasuna, grupo político que, en virtude da Lei de Partidos de España foi ilegalizado pola súa relación coa banda terrorista ETA.

Historia[editar | editar a fonte]

Aukera Guztiak era partidaria de que todos os cidadáns vascos tivesen posibilidade de votar á opción política que desexasen, inclusive aquelas que non condenaban o terrorismo. Así, consideraban que a non presenza de Batasuna nas eleccións supoñía un déficit democrático ao deixar sen opción política miles de cidadáns vascos e se prestaban como unha plataforma política a través da cal a voz de Batasuna e dos seus votantes puidese ser oída no Parlamento Vasco. De aí provén o seu nome de Todas as opcións.

Dende que a candidatura foi anunciada, moitas voces críticas xurdiron acusando a Aukera Guztiak de ser unha candidatura branca de Batasuna, formada por simpatizantes desta organización non queimados ao non ter militado nesta organización nin ter sido candidatos dela; e de estar dirixida dende a sombra por esta organización ilegal. Tamén recibiu críticas por non condenar explicitamente a violencia de ETA.[1] As cabezas visibles de AG eran as súas tres candidatas; Ana Arbulu, Lurdes Agirrezabal e Marije Rodríguez de Lera.

AG logrou as firmas necesarias para presentarse ás eleccións en marzo de 2005 e unha vez foi feita formalmente a súa proclamación como candidatura, esta foi impugnada pola avogacía do estado. O dereito ou non a presentarse de Aukera Guztiak foi tema principal da precampaña vasca e de enfrontamentos dialécticos entre os partidos de ámbito estatal e os nacionalistas vascos.

O Tribunal Supremo admitiu a impugnación por unanimidade considerando probado que Aukera Guztiak estaba dirixida por Batasuna e que supoñía unha continuadora do labor político desta formación, consideración esta que permitía a súa ilegalización. Un dos argumentos para mostrar eses supostos vínculos baseábase nas persoas que asinaron para que esa agrupación de electores puidese presentarse; outro dos argumentos utilizados foron as conversacións telefónicas.[2] O feito de que se utilizase como argumento para a súa ilegalización as firmas que apoiaban esta agrupación de electores xerou críticas en determinados sectores, que consideraron que iso supoñía un retroceso na democracia.

Poucos días despois do anuncio da ilegalización de Aukera Guztiak, a menos de dúas semanas das eleccións e xa oficialmente en campaña electoral, o partido comunista Euskal Herrialdeetako Alderdi Komunista (EHAK) ofreceuse a recoller a testemuña de AG e servir como representante dos votantes de Batasuna no Parlamento Vasco.[3]

Ao presentarse o EHAK ás eleccións, Aukera Guztiak declinou realizar máis aparicións públicas e pediu o voto para esta formación ao entender que continuaba coas súas dúas premisas básicas: democracia e paz. O EHAK, ao que non se lle encontraron relacións coa banda terrorista, puido presentarse ás eleccións e obtivo 9 parlamentarios,[4] mais foi ilegalizado en 2008.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Aukera Guztiak presenta en Bilbao las listas que la Fiscalía estudia impugnar". El País (en castelán). 14 de marzo de 2005. Consultado o 25 de novembro de 2019. 
  2. "El Supremo anula la lista de Aukera con la unanimidad de sus magistrados". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de marzo de 2005. Consultado o 25 de novembro de 2019. 
  3. "Un desconocido partido comunista toma el relevo de Auskera Guztiak" (en castelán). 2 de abril de 2005. Consultado o 25 de novembro de 2019. 
  4. "Resultado eleccións 2005". El País (en castelán). Consultado o 25 de novembro de 2019. 
  5. "El Tribunal Supremo ilegaliza y disuelve el Partido Comunista de las Tierras Vascas". RTVE (en castelán). 18 de setembro de 2008. Consultado o 25 de novembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]