Atentado da discoteca Clangor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O atentado na discoteca Clangor de Santiago de Compostela de 1990 foi un atentado terrorista do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive que tivo lugar o 12 de outubro de 1990 na discoteca Clangor, no lugar da Ponte da Rocha, en Santiago de Compostela.

Ataque[editar | editar a fonte]

Na madrugada do xoves 11 ao venres 12 de outubro de 1990, festividade do día do Pilar, a discoteca Clangor sufriu un atentado con bomba, colocada polos terroristas Dolores Castro Lama e Xosé Ignacio Villar Regueiro.[1] Tratábase dun dos locais de lecer nocturno máis populares da cidade universitaria de Santiago.

Vítimas[editar | editar a fonte]

Como consecuencia da explosión, faleceu a viguesa Mercedes Domínguez Rodríguez, estudante de 26 anos. Houbo 49 feridos, entre clientes e empregados, cinco deles de gravidade. O local quedou gravemente danado polo artefacto. Os autores materiais tamén faleceron na explosión.[2]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A sociedade de Santiago, especialmente a comunidade estudantil, quedou conmocionada polo atentado. As manifestacións de repulsa sucedéronse e cesou a tolerancia social en Galicia ás actividades do EGPGC.[3] Sendo Ministro do Interior José Luis Corcuera, o suceso non tivo repercusión nos medios do resto de España pola escasa cobertura dos medios de comunicación. O atentado foi organizado polo terrorista Manuel Chao Dobarro, máximo dirixente do EGPGC. Ante os danos persoais ocasionados a organización terrorista afirmou que a bomba se activou por erro.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]