Apartamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio de apartamentos en Suecia, deseñado polo arquitecto Ralph Erskine.

Un apartamento[1], tamén chamado departamento[2], ou piso[3] é unha unidade de vivenda que comprende unha ou máis habitacións deseñadas para proporcionar instalacións completas para un individuo ou unha pequena familia. A principal diferenza existente entre este tipo de vivendas e outras, como casas unifamiliares, casaríos etc., é a superficie que ocupa, normalmente menor que as anteriores, e o seu posible uso, moitas veces de vacacións ou temporal.

Un edificio de apartamentos é unha solución económica, que se realiza mediante o aproveitamento en común de zonas de circulación, tanto verticais como horizontais. Tamén se verifica esta economía nas instalacións complementarias de auga, drenaxe e luz eléctrica. A estrutura, con elementos comúns, supón outra economía. Pode tamén obterse mellor servizo e economía, mediante caldeiras, incinerador, etc. A solución colectiva dun edificio de apartamentos permite ter outros elementos comúns, como cocheiras, cuartos de servizo, lavadoiros, tendedeiras, espazos para xogos de nenos etc.

Historia[editar | editar a fonte]

Apartamentos en Zanzibar.

En 1802, Benito Bails no seu Dicionario de arquitectura civil definía apartamiento como o conxunto de pezas que forman unha habitación cabal, dentro das cales se distinguían:

  • O apartamento servizal, referido ao uso diario
  • O apartamento de decencia, referido ao decoro.
  • O apartamento de aparello, referido á ostentación.

Ademais diferenciaba:

  • Apartamento dobre, o que colle todo o fondo dun edificio ou o seu corpo principal e está dividido case por medio na dirección da súa lonxitude en dous cuartos sendo as pezas dun case iguais ás do outro.
  • Apartamento semidobre, o que está divido en dous cuartos sendo as pezas dun grandes e pequenas as do outro.
  • Apartamento sinxelo, o que colle todo o fondo do edificio entre as dúas paredes de fachada sen parede algunha de travesa na dirección da súa lonxitude.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para apartamento.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para departamento.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para piso.
  4. Diccionario de arquitectura civil, Benito Bails. 1802.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]