Palacio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palacio de Oriente, ou Palacio Real, de Madrid.

Un palacio ou pazo é, ou foi, a residencia do Xefe do Estado ou outra figura pública de alto rango, como membros da nobreza ou do alto clero.

Moitos palacios transformáronse para outros usos, como Parlamentos, museos ou hoteis.

A palabra úsase tamén para describir edificios luxosos que non son, ou non foron, residencia de figuras públicas, como Palacio da Música, Palacio da Ópera, e mesmo non tan luxosos, como os Palacios de Deportes.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra palacio provén do nome dunha das sete cuíñas de Roma, o Monte Palatino. O palacio orixinal sobre o Monte Palatino era a residencia do poder imperial, mentres que o capitolio, sobre o Monte Capitolino, era a residencia do Senado e os núcleos relixiosos de Roma.

Tempo despois a cidade medrou máis alá das sete cuíñas, porén o Palatino seguiu a ser unha zona residencial moi desexábel. César Augusto viviu alí nunha vivenda intencionalmente modesta, separada dos seus veciños só por dous loureiros plantados a un lado da entrada frontal como un símbolo de triunfo outorgado polo Senado. Os seus descendentes, especialmente Nerón, coa súa "Casa Dourada" ampliou a casa e os xardíns moitas veces, até que abarcou todo o cumio da cuíña. A palabra Palatium viña a significar a residencia do emperador ou, mellor dito, a veciñanza no cumio da cuíña.

Palacio como sinónimo de goberno[editar | editar a fonte]

A equivalencia entre Palacio con Goberno rexístrase por primeira vez nun comentario de Paulo o Diácono, escrito en 790 a.C. describindo acontecementos dos anos 660:

"Cando Grimualdo se puxo en camiño a Benevento, confiou o seu palacio a Lupus".
Historia gentis Langobardorum, V.xvii

Carlomagno reviviu a expresión romana no seu "palacio" en Aquisgrán, do cal só sobreviviu a capela.

Palacio de Raxoi, Santiago de Compostela.
Palacio de Belvedere, en Viena, Austria.

No século IX o "palacio" indicaba tamén a casa de goberno. A comezos da Idade Media, o Palas seguiu sendo a residencia do goberno nalgunhas cidades xermánicas. No Sacro Imperio Romano Xermánico os electores independentes poderosos aloxábanse en palacios (Paläste). Isto é unha evidencia de que o poder estaba amplamente distribuído naquel Imperio; na maioría das monarquías centralizadas, só o rei se permitía chamar á súa morada palacio.

En Francia hai unha clara distinción entre un castelo (château) e un palacio (palais). O palacio sempre foi urbano, como o Palais de la Cité en París, que foi o Palacio real de Francia e agora é a Suprema Corte de Xustiza de Francia, ou o Palacio dos Papas de Aviñón.

En contraste, o castelo sempre foi rural, sostido polo seu demesne, aínda que actualmente non está fortificado.

Moitas persoas non francesas refírense ao Palacio de Versalles porque foi a residencia dos reis de Francia, e o rei era a fonte do poder, pero este edificio sempre foi coñecido polos franceses como o Château de Versailles, e a casa do goberno do Antigo Réxime permaneceu como o Palais du Louvre.

Esa división conforme á súa implantación urbana ou rural non ten vixencia en España. E a nobreza galega, por exemplo, a partir do século XV transformou castelos e torres en pazos (termo que é cognado de palacio), sendo ambas as tipoloxías arquitectónicas eminentemente rurais.

Posteriormente, e especialmente no século XVIII, moitos nobres e fidalgos galegos edificaron xa as súas vivendas como pazos.

Castelo, torre e pazo non se definen pola súa implantación, senón pola súa función, militar os primeiros e residenciais ou cortesáns pazos e palacios.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Palacio
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de palacio