Antonio Páramo Sánchez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1912 Sarria, España |
Morte | 24 de maio de 1959 (46/47 anos) Lugo, España |
Alcalde | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | avogado , xornalista , político |
Lingua | Lingua castelá |
Antonio Páramo Sánchez, nado en Sarria en 1912 e finado en Lugo o 24 de maio de 1959, foi un avogado, xornalista e político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Neto de Antonio Sánchez Teijelo (que fora alcalde de Sarria nos anos vinte) e sobriño de José Sánchez Arias e Vicente Páramo Losada, foi un destacado avogado e ocupou a presidencia da sociedade La Unión de Sarria. Organizou o Partido Republicano na comarca de Sarria e foi delegado do centro republicano de Sarria, constituído en 1931. Nese ano asumiu a dirección do periódico La Voz de Sarria. En 1933 dirixiu o periódico Loita, Órgano del Cento Republicano de Sarria.
Accedeu á alcaldía de Sarria con 24 anos logo do triunfo do Frente Popular en marzo de 1936, e ocupou un papel relevante en Izquierda Republicana. Formou parte do comité provincial do partido, e foi un dos compromisarios que participaron na elección do presidente Manuel Azaña.
Antonio Páramo exercía como alcalde ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e foi perseguido durante a Guerra Civil. Declarado en rebeldía en varias causas, e confiscado o seu patrimonio, estivo fuxido uns doce anos, agochado en Chave (O Saviñao). Abríronlle expediente de responsabilidades políticas e foi condenado ao pago de sen mil pesetas en concepto de responsabilidade civil en xuño de 1940.[1] Finalmente presentouse e foi xulgado en Lugo por auxilio á rebelión e condenado a 2 anos de prisión. Ao saír en liberdade instalouse en Lugo como avogado. Finou en Lugo o 24 de maio de 1959.[2]
Predecesor: Juan Manuel Somoza García |
Alcalde de Sarria 1936 |
Sucesor: Cástor Fernández López |
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con María de los Ángeles Suances Pereiro e foi pai de María Consuelo, Antonio e Javier Páramo Suances.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ BOE, 3-8-1940, p. 3595.
- ↑ Necrolóxica en El Progreso, 31-5-1960, p. 7.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "A familia do ex alcalde Antonio Páramo doa unha casa ao Concello de Sarria", artigo en El Progreso.
- Antonio Páramo Sánchez na páxina web Nomes e Voces.
- Ficha en Represión franquista en Lugo
- "La nueva corporación local sarriana estaba formada por dieciocho concejales", artigo en La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2006.
- "La instauración de la Segunda República se vivió en Sarria con gran expectación", artigo en La Voz de Galicia, 13 de abril de 2002.