Alomona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha alomona é unha substancia química producida e liberada polos individuos dunha especie que afecta o comportamento doutra especie para beneficio do produtor da substancia pero non do receptor.[1] A produción de alomonas é unha forma común de defensa, especialmente polas especies de plantas contra os insectos herbívoros. Tamén as usan os depredadores.

Moitos insectos desenvolveron modos de defenderse contra estas defensas contra herbívoros das plantas (nunha carreira de armamentos evolutiva). Un método de adaptarse ás alomonas é desenvolver unha reacción positiva a elas; a alomona entón pasa a funcionar como unha cairomona. Outros alteran as alomonas para formar feromonas ou outras hormonas, e outros mesmo as adoptan como estratexia defensiva propia, por exemplo regurxitándoas cando son atacados por outros insectos predadores.

Unha terceira clase de aleloquímico (composto químico usado na comunicación interespecífica) chamado sinomona beneficia a ambos, tanto ao emisor coma ao receptor.[1]

Alomona foi proposta por Brown e Eisner (Brown, 1968) para denotar aquelas substancias que dan unha vantaxe ao emisor. Como Brown e Eisner non especificaron se o receptor se beneficiaba ou non, a definición orixinal de alomona incluía tanto substancias que beneficiaban ao receptor coma ao emisor, coma substancias que só beneficiaban ao emisor. Un exemplo desta primeira relación sería unha reacción mutualista, e do último sería unha secreción repelente.[2]

Exemplos[editar | editar a fonte]

Alteran o crecemento e desenvolvemento e reducen a lonxevidade dos adultos, por exemplo, as toxinas ou factores que reducen a dixestibilidade.

Alteran o comportamento de selección normal de hóspede; por exemplo, repelentes, supresores, excitantes da locomoción.

Plantas que producen alomonas[editar | editar a fonte]

Un exemlo de planta que produce alomonas é Desmodium.

Insectos que producen alomonas[editar | editar a fonte]

Exemplos de insectos que producen alomonas son:

  • Lomamya latipennis. As larvas do insecto berótido Lomamyia latipennis aliméntanse de térmites, que someten con alomonas agresivas. O primeiro ínstar aproxímase ás termites e fai oscilar a punta do seu abdome preto da cabeza das termites. A termite queda inmóbil despois de 1 a 3 mitutos e queda completamente paralizada moi pouco despois, aínda que pode seguir viva durante unhas 3 horas. Entón, o berótido aliméntase das súas presas paralizadas. O terceiro ínstar aliméntase de xeito similar e pode matar ata seis termitas á vez. O contacto físico entre a termita e o berótido non é necesario para este sometemento, e outros insectos presentes non se ven afectados pola alomona.[3]
  • Os escaravellos Scolytinae comunícanse por medio de feromonas para anunciar unha nova fonte de alimentos (árbores mortas ou vivas, raíces etc.) e o resultado final é a acumulación dunha gran concentración destes escaravellos. Especies seleccionadas destes escaravellos teñen a capacidade de emitir feromonas que poden afectar negativamente á resposta comportamental doutras especies competidoras de escolitinos cando ambas as especies tratan de habitar no mesmo piñeiro Pinus taeda.[4] Un certro composto molecular que forma parte da feromona liberada por unha das especies pode interferir coas capacidade da especie competidora para responder á feromona da súa propia especie no ambiente. Esta interacción axuda ao emisor a diminuír a competición do seu escolitino local. Unha interacción competitiva que ocorre entre dúas especies de escolitinos obsérvase cando as feromonas de Gnathotrichus sulcates interfiren coa retroalimentación comportamental de G. retusus. O impacto das interaccións entre especies en competición que loitan polo alimento e o espazo nun ambiente obsérvase na especie californiana Ips pini. Os I. pini teñen dous receptores dos cales un se usa para recibir a feromona da súa propia especie e o outro receptor recibe a feromona da súa especie competidora. A presenza destes dous receptores asegura que as feromonas da súa propia especie, I. pini, non son interrrompidas pola súa especie competidora, I. paraconfusus.
  • Artrópodos que viaxan sós, como os escaravellos e cascudas, evolucionaron para liberar feromonas cando están en presenza de formiga, que son idénticas á feromona de alarma das formigas.[5] A feromona de alarma das formigas obreiras causa que as formigas deixen de facer o que estaban a facer e regresen ao formigueiro ata que a feromona de alarma desaparece no ambiente. Esta liberación dunha feromona de alarma de formigas por outro artrópodo causa que as formigas se poñan en estado de alarma e permitan que ese outro artrópodo escape dos seus predadores antes de que as formigas poidan recrutar máis obreiras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Grasswitz, T.R. and G.R. Jones (2002). "Chemical Ecology". Encyclopedia of Life Sciences. John Wiley & Sons, Ltd. doi:10.1038/npg.els.0001716. 
  2. Weldon, Paul J. Journal of Chemical Ecology. p. 719. doi:10.1007/BF00987681. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 31 de decembro de 2016. 
  3. Insects as Predators by T New, published by NSW University Press in 1991
  4. Wood, D L (xaneiro de 1982). "The Role of Pheromones, Kairomones, and Allomones in the Host Selection and Colonization Behavior of Bark Beetles". Annual Review of Entomology 27 (1): 411–446. ISSN 0066-4170. doi:10.1146/annurev.en.27.010182.002211. 
  5. Blum, Murray S. (xaneiro de 1996). "Semiochemical Parsimony in the Arthropoda". Annual Review of Entomology 41 (1): 353–374. ISSN 0066-4170. PMID 15012333. doi:10.1146/annurev.en.41.010196.002033. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]