Abellón (macho da abella)
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Abellón.
Os abellóns, abáboros ou abázcaros son as abellas machos da colmea; desenvólvense en celas máis grandes cás obreiras, de 8 milímetros de diámetro e proceden de ovos sen fecundar (partenoxénese). Nacen aos 24 días da posta, a cela operculada é facilmente recoñecible xa que sobresae por ser máis avultada que a dunha obreira. Cando se lles permite estirar panais ás obreiras sen cera estampada é factible que constrúan panais con celas propias de abellóns, nos cales a raíña depositará ovos non fecundados que darán orixe a abellóns. É importante que o apicultor non leve marcos con celas de abellóns á cámara de cría en virtude de que a reprodución destes é inversamente proporcional á produción de mel. As abellas manteñen naturalmente proporcións de abellóns elevadas, con respecto á necesaria na práctica apícola, destinada á produción de mel.
Os abáboros aparecen normalmente na primavera, perdurando en toda a estación reprodutiva da colonia, primavera-verán-comezo de outono, sempre que existan raíñas sen fecundar; o tempo de vida da abella macho é de aproximadamente 3 meses. Se o fluxo de alimento é escaso as abellas obreiras expulsan os machos, os cales acaban morrendo de frío ou fame fóra da colmea. As colmeas con raíñas virxes toléranos ata a fecundación da mesma.
A fecundación da abella raíña ou abella mestra prodúcese no voo de fecundación ou voo nupcial, que normalmente as raíñas repiten en dúas, tres e ata en cinco oportunidades. Copulando en pleno voo para caeren ao pasto moitas veces xuntos. Logo da cópula o abáboro morre dado que se desprende o seu aparello xenital. As raíñas copulan con ata 15 abáboros, asegurándose deste xeito unha variabilidade xenética (debido á poliandria: varios pais) que terá a prole. A raíña garda no interior do seu abdome o esperma dos diferentes machos cos que copulou. Os abáboros non posúen aguillón, xa que este é en realidade un colector de ovos modificados.
Índice |
[editar] Ciclo vital do abellón
| Tipo | ovo | Larva | Operculado | Pupa | Período de desenvolvemento | Fertilidade |
|---|---|---|---|---|---|---|
| Abellón | 3 días | ata o 6º 1/2 día | ata o 9º 1/2 día | ata o 15º 1/2 día | 16 días máis | aprox. 24 ou 25 días |
[editar] As funcións do abáboro na colmea
Fecundar a raíña: aos 12-24 días do seu nacemento, están maduros para o apareamento, as aletas que suxeitan o aparello xenital da raíña deben estar alaranxadas. Realizan a diario grandes percorridos en busca de colmeas cunha raíña virxe. No voo nupcial, o abáboro máis forte fecundará a raíña, xa que el é o que a alcanza máis facilmente no seu voo vertical. Adoitan ter lugares específicos onde se pousan durante o día á espera dun voo de fecundación, e se non conseguen fecundar unha raíña, vagarán dunha colmea a outra. Este comportamento convérteos en importantes transmisores de enfermidades.
Producir calor: póusanse sobre os cadros con cría para substituíren as obreiras ama de cría na produción de calor e quentaren así a cría, de xeito que as obreiras poden exercer para outras funcións.
Repartir néctar: os abellóns realizan a trofalaxe, que é a conduta de repartir alimento entre as obreiras, provendo alimento ata a 50 obreiras. O néctar, con gran porcentaxe de auga, debe pasar varias veces polo buche das obreiras para chegar a ser mel, desta forma, os abáboros contribúen á elaboración do mel.
Os abellóns son facilmente recoñecibles por varias características: os seus grandes ollos que se tocan se os observamos desde a parte superior, maior tamaño, abdome rectangular longo e robusto e un voo ruidoso. Nas fotografías é posible comparar o tamaño dos ollos dun abáboro e unha obreira. Os seus ollos ao ser grandes permítenlle ter un amplo campo de visión; é sen dúbida a caste que mellor ve, xa que deben poder localizar as femias virxes no voo de apareamento. Teñen a lingua moi curta, o cal lles impide libar o néctar, por iso son alimentados polas obreiras. Non teñen corbícula no terceiro par de patas como as obreiras, o que lles impide o transporte de pole ou propóleo. Ao non posuíren glándulas odoríferas poden entrar a calquera colmea, xa que as abellas obreiras encargadas da vixilancia da colmea non poden identificalos como membros da colonia ou elementos espúreos. Non teñen aguillón.
[editar] Elixir abáboros que un quere que fecunden unha raíña
Se un seleccionou unha colmea mansa e quere que este carácter (transmitido polos abáboros) prevaleza, pódese establecer unha zona de fecundación. Para iso as colmeas que un pretende que acheguen os abáboros deben estar saturadas deles. O apicultor deberá instalar marcos con celas de abellóns na cámara de cría destas colmeas, polo menos 60 días antes da fecundación das raíñas, nacidos os abellóns aos 24 días, e madurados sexualmente nun tempo similar, estaremos en condicións de saturar cos exemplares elixidos unha zona de fecundación, tendo deste xeito maior probabilidade de apareamento.
Outro método para a elección da xenética dos abáboros é a inseminación artificial da abella raíña con seme destes. O seme obtense cunha xiringa de fecundación especial, apertando o abdome dos abáboros sexualmente maduros.
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de abázcaros de Galicia
[editar] Véxase tamén
- Abella raíña
- Abella obreira
- Apicultura
- Apidae
- Abella melífera
- Colmea
- Danza do abellón
- Determinación do sexo por haplodiploidía