433 Eros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eros.

Eros é o asteroide número 433 da serie 1898 DQ. Foi o primeiro asteroide coñecido que franquea a órbita da Terra. Con 34 km dun extremo ao outro, ten unha forma extremadamente alongada, semellante a unha salchicha, e trátase do segundo asteroide próximo á Terra en tamaño, despois de 1036 Ganímedes. A maior proximidade que alcanzou con respecto á Terra foi de 23 millóns de quilómetros.

Eros foi o primeiro asteroide en recibir un nome masculino e foi descuberto independentemente a mesma noite do 13 de agosto de 1898 por Auguste Honoré Charlois, dende Niza, e por Gustav Witt dende Berlín.

A sonda NEAR Shoemaker visitou a Eros dúas veces, primeiro sobrevoouno en 1998, e posteriormente orbitouno no ano 2000, sendo o primeiro asteroide en ser orbitado por unha sonda, fotografando extensivamente a súa superficie. O 12 de febreiro do 2001, no final desta misión, aterrou no asteroide usando os seus motores de manobra.

Historia[editar | editar a fonte]

Como un dos máis grandes asteroides próximos á Terra (NEAs en inglés, de near-Earth asteroids), Eros ten xogado un papel significativo na historia. Foi descuberto na mesma noite (13 de agosto de 1898) por Gustav Witt e Auguste Charlois. Witt estaba en berlín estaba tomando unha exposición de dúas hora de Beta Aquarii para asegurar as posicións astrométricas do asteroide 185 Eunike.

Durante a oposición de 1900–1901, pçuxose en marcha un programa en todo o mundo para realizar medicións de paralaxe do asteroide e determinar así a paralaxe solar (ou distancia ao Sol), sendo os resultados publicados en 1910 por Arthur Hinks de Cambridge. Un programa semellante levouse a cabo durante unha aproximación maior de Eros en 1930–1931, encargándose del Harold Spencer Jones. Os datos obtidos por este programa foron considerados definitivos ata 1968, cando xa se apostaba polo radar e polos métodos de paralaxe dinámica.

Eros foi un dos primeiros asteriodes en ser visitados por unha nave espacial, e o primeiro en ser orbitado e onde aterrou un aparello de fabricación humana. A nave da NASA NEAR Shoemaker entrou na súa órbita no ano 2000 e aterrou no 2001.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: 433 Eros