300 (novela gráfica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

300 é unha novela gráfica de 1998, publicada orixinalmente en cinco números, guionizada e ilustrada por Frank Miller con color de Lynn Varley. Describe a batalla das Termópilas (-480), na que 300 guerreiros espartanos trataron de frear o avance do exército persa de Xerxes no seu avance cara á Grecia continental e os sucesos que desembocaron nela dende a perspectiva de Leónidas, rei de Esparta.

A novela está especialmente inspirada polo filme de 1962 The 300 Spartans (traducido ao castelán coma "El León de Esparta"), que Miller viu canda neno.

Cada páxina foi orixinalmente ilustrada nun formato de páxina dupla. Cando a serie foi publicada en formato de tapa dura, mantívose o formato, de forma que cada páxina era dúas veces máis ancha que unha banda deseñada normal.

Obtivo os premios Harvey á Mellor Serie e Mellor Color e os Eisner á Mellor Serie Limitada e Mellor Color, así como o de Mellor Autor Completo (Best Writer/Artist) para Frank Miller, todos en 1999.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A novela gráfica 300 consta dunhas 160 páxinas, distribuídas en 5 capítulos.

  • O primeiro capítulo, titulado "Honor", presenta ás tropas espartanos avanzando cara o paso das Termópilas, ademais dunha breve introdución ao personaxe principal, o rei Leónidas.
  • O segundo capítulo, de título "Deber", narra a visita de Leónidas ao oráculo dos Éforos, a partida dos 300 desde Esparta, incluíndo a gran tormenta que afunde parte da flota persa.
  • O terceiro capítulo, "Gloria", introduce ao personaxe de Efialtes, ademais de conta-lo enfrontamento entre o mozo Stelios e un embaixador persa.
  • O cuarto capítulo, "Combate", ilustra o enfrontamento entre as tropas gregas, cos 300 espartanos á cabeza, fronte á inmensa horda persa. Trala esmagante vitoria espartana, Xerxes I tenta convencer a Leónidas para se render, pero este rexeita laconicamente a oferta.
  • Finalmente, o quinto e último capítulo, "Vitoria", narra a traizón de Efialtes, que sinala a Xerxes o camiño por onde poderá sorprender aos espartanos. Leónidas decide quedarse a resistir xunto a todos seus homes, logrando ferir a Xerxes xusto antes de morrer. O único espartano que sobrevive é Dilios, enviado por Leónidas a Esparta para narrar o acontecido, e que será o encargado de liderar ás tropas espartanas na batalla de Platea.

Película[editar | editar a fonte]

Artigo principal: 300 (filme).

Exite un filme baseado nesta novela gráfica, dirixido por Zack Snyder e con Gerard Butler no papel de Leónidas.