Yaoi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Volumes yaoi nunha librería de San Francisco

O yaoi (xap. 「やおい), abreviatura de yama-nashi ochi-nashi imi-nashi (sen clímax, sen resolución, sen sentido), é un subxénero do manga e anime. A característica principal dun manga ou serie yaoi é o amor entre personaxes masculinos. O xénero adoita estar englobado dentro do shōjo, manga orientado a rapazas, por estar enfocado principalmente a un público feminino.

A maior parte das obras yaoi no mundo son doujinshis, aínda que o número de publicacións profesionais no Xapón é moi alto.

Seme/Uke[editar | editar a fonte]

No yaoi e shōnen-ai adoita haber dous personaxes principais, xeralmente os membros da parella. Cada un leva un rol (variable, aínda que case sempre estable) na consumación do seu amor.

  • Seme: provén da palabra semeru「せめる] ("atacar" en xaponés). Desempeña o papel "activo" nas relacións sexuais. Normalmente é máis vello e/ou máis alto e corpulento que o uke.
  • Uke: provén da palabra ukeru「うける] ("recibir" en xaponés). Desempeña o papel "pasivo" nas relacións sexuais. Normalmente é menor e/ou máis baixo e pequeno que o seme.

Existe un terceiro grupo de personaxes (Suke, da combinación de ambos termos) que poden ser tanto semes como ukes, dependendo sempre da parella.

O yaoi e o shōnen-ai, ao tratarse case sempre de historias amorosas, intentan recrear relacións reais que poden ser moi complicadas, así que non se pode xeneralizar ao falar dos semes e os ukes ao igual que non se pode xeneralizar ao falar dos diferentes protagonistas masculinos e femininos só polo seu sexo.

Diferenza entre Yaoi e Shōnen-ai[editar | editar a fonte]

O shōnen-ai é un americanismo e retrata o amor entre personaxes masculinos, nunca amosa relacións sexuais entre eles, cousa que si fai o yaoi. O shōnen-ai só amosa expresións de amor ou afecto tanto verbais como apertas ou caricias. O máis explícito que adoita mostrar o Shōnen-ai son bicos entre ambos personaxes. De aí que o Shōnen-ai se considere un xénero netamente dentro do manga Shōjo.

Popularidade[editar | editar a fonte]

No Xapón, é un dos xéneros máis populares entre as rapazas, publicándose desde os anos sesenta. Existen revistas especializadas, tomos recompilatorios e OVAs. Durante moito tempo, a editorial Biblos capitalizou alí as edicións de obras yaoi, pero a súa recente creba, debido ao fracaso das súas publicacións non yaoi, deixou paso a un espazo comercial máis compartido.

Estas historias profesionais tamén poden denominarse june ou BL (abreviatura do inglés Boys' Love), xa que no Xapón o termo yaoi ten certas connotacións pexorativas herdadas, referíndose máis ás obras derivativas do doujinshi ou o fanart.

As obras derivativas conforman a maior parte do yaoi que se difunde. Moitas proveñen de animes que non son yaoi, como Naruto, One Piece, Fullmetal Alchemist, Saint Seiya, Death Note, Yu-Gi-Oh! ou Bleach.

En galego publicouse no 2008 Bícame profe, de Kazuma Kodaka, publicado por Edicións do Cumio e traducido por María do Carme Pampín Otero.