Saltar ao contido

Xuventude de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xuventude de Galicia
Tipoasociación cultural
Data de fundación10 de novembro de 1908
SedeLisboa
PaísPortugal
38°43′10″N 9°08′28″O / 38.719439023964, -9.1410662578484
Na rede
http://www.juventudedagaliza.com/
editar datos en Wikidata ]

A Xuventude de Galicia, tamén coñecido como Centro Galego en Lisboa, é unha asociación cultural formada en Lisboa (Portugal) no ano 1908, cuxo obxectivo é difundir e dar a coñecer a cultura e as tradicións galegas en todas as súas manifestacións. Na actualidade esta agrupación non só segue a cumprir con estes ideais, senón que tamén funciona como centro de lecer e recreo.

Nacemento

[editar | editar a fonte]

Fundouse o 10 de novembro do 1908. A primeira xunta directiva estaba constituída por José Lorenzo Covas, Manuel Álvarez Covas, Ramiro Vidal Carrera, Francisco Sánchez, Marcelino Outerelo Rocha, Casimiro Movilla e Ramiro Martín Martín.

Os primeiros cinco presidentes foron Manuel Álvarez Covas, Manuel Álvarez González, Clemente Outerelo Antón, Lorenzo Varela Cid e Álvaro Moreira. No 2015, este cargo pertencía a Constantino Domingos Costal.

Localización

[editar | editar a fonte]

Está localizada na Rúa Júlio de Andrade, nº 3 en Lisboa, dende xullo do 1988, por doazón do socio, Manuel Cordo Boullosa, nun palacete construído a finais do século XIX sobre un proxecto dun arquitecto italiano.

Obxectivos

[editar | editar a fonte]

A Xuventude de Galicia adícase dende hai máis de cen anos a divulgar a cultura, a historia, os costumes e a gastronomía de Galicia e de España en Portugal.

A súa vocación é a de fomentar, entre os seus asociados, actividades culturais, recreativas e sociais, creando entre eles vencellos de amizade e compañeirismo. Procura tamén manter a continuidade dos valores, costumes e usos tradicionais de Galicia, non deixando de promover, por outra banda, un intercambio cultural con outras asociacións similares co fin de estreitar os lazos culturais existentes entre Portugal e España.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

O Centro Galego de Lisboa está inscrito na Federação Portuguesa das Colectividades de Cultura e Recreio e foi declarado de Utilidade Pública o 26 de novembro do 1980, distinción concedida soamente as asociacións que presten servizos relevantes á comunidade ou teñan actividades de interese xeral.

No 2008 publícase Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración galega a Lisboa, unha obra da colección Memoria Viva, de Acuarela Comunicación. É o resultado de máis de dous anos de traballo de investigación, procura de testemuñas, recompilación documental e produción fotográfica. Con este libro, Xan Leira pretende tamén homenaxear á Xuventude de Galicia polo seu aniversario do primeiro século dende a súa creación.

Neste volume analízase, por primeira vez, o legado e as ensinanzas da migración intrapeninsular e intraeuropea. Esta edición contén o valor histórico de máis de 70 historias editadas e máis dun milleiro de fotografías antigas ou de produción propia, o que converte a este libro en material de consulta para obter unha nova perspectiva sobre a historia da emigración galega.

Actividades e servizos

[editar | editar a fonte]

O local situado no centro de Lisboa onde está estabelecida a sede desta institución acolle unha ampla variedade de actividades.

Dende 1958 divúlganse as danzas e música tradicional de Galicia por parte do grupo “Anaquiños da Terra”.

Tamén conta cun gran número de exposicións, conferencias e moitas outras actividades relacionadas coa cultura e a tradición Galega; o Coro da Xuventude de Galicia, fundado no 2003; un equipo deportivo; un proxecto co obxectivo de ampliar o ámbito do ensino da música máis aló da Escola de Gaitas, que deu lugar a creación da “Escola de Música” no 2011. O Centro colabora tamén coa Sociedade Española de Beneficencia co apoio económico da Xunta de Galicia a pesar de vivir das cotas dos seus socios, cotas das clases, do bar restaurante, festas, donativos e das axudas económicas da Xunta previamente mencionadas.

Cabe destacar a publicación dunha serie de revistas entre as cales atopamos La Voz de Breogán, publicada no 1957, unha revista mensual na cal colaborou Otero Pedrayo; Heraldo de Galicia, creada no 1959 e que informa sobre as actividades da sociedade e publica artigos sobre a cultura galega; Boletín da Xuventude de Galicia, existente en castelán, galego e portugués dende 1970; O Galego, revista trimestral gratuíta que comezou a redactarse no 1988; Galicia ao Lonxe, fundada no 1994, publica artigos sobre a cultura galega e portuguesa ademais doutras actividades culturais como cine, fotografía e concertos.

Biblioteca “Manuel Boullosa”

[editar | editar a fonte]

Dentro dos servizos que a institución ofrece atopamos a biblioteca que leva o nome do seu benfeitor “Manuel Boullosa” e que contén diversa documentación, en galego ou sobre Galicia, e tamén, aínda que en menor medida, en castelán, portugués e francés e conta con case 11  000 exemplares, entre libros, publicacións periódicas, rexistros sonoros e audiovisuais.

O fondo bibliográfico está formado por uns 10  800 libros, dos que case 10  000 están en galego. Estas cifras son estimativas, xa que o proceso de catalogación foi interrompido e posteriormente retomado.

Por non estar completo o proceso de catalogación, o servizo limítase a consultas e asesoramento, aínda que nalgúns casos realízanse préstamos dos libros.

Iniciáronse tamén dous fondos especiais, que son considerados de grande importancia, o Fondo Emigración Galega, con aproximadamente uns 216 títulos; e o Fondo Camiño de Santiago, que contén aproximadamente uns 168 títulos e que tenta divulgar e ofrecer todo o material e información posíbel do Camiño Portugués.

Por segundo ano consecutivo,[cando?] este centro cultural contou coa colaboración dunha asociación portuguesa de recente[cando?] creación, a Asociación de Peregrinos Vía Lusitana (APVL), que está a actualizar moita información importante relativa ao Camiño Portugués, que vai de Lisboa a Tui, ficando así, esa parte máis descoñecida, un pouco máis completa e actualizada.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pazos Justo, Carlos (2010). Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza (1910-1921). Laiovento.
  • Leira, Xan (2008). Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración galega a Lisboa. Acuarela Comunicación.
  • Sixirei, Carlos (1995). A Emigración. Galaxia.
  • Sixirei, Carlos (2001). O Asociacionismo Galego. Galaxia.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]