Xosé Otero Abelleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé Otero Abelleira
Nacemento7 de marzo de 1892
Lugar de nacementoVilapouca
Falecemento22 de febreiro de 1979
Lugar de falecementoA Estrada
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista e político
editar datos en Wikidata ]

Xosé Otero Abelleira, nado en Vilapouca (Cereixo, A Estrada) o 7 de marzo de 1892 e finado na Estrada o 22 de febreiro de 1979, foi un xornalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con 12 anos morreu o seu pai e Xosé emigrou con súa nai a Cuba. Traballou como recadeiro nunha tenda de zapatos, asistiu a clases no Centro Galego e entrou en contacto co galeguismo e o agrarismo. Regresou a Galicia en 1908 e foi correspondente e colaborador da revista Galicia da Habana, e tamén en Eco de La Estrada. Foi elixido directivo da Unión de Agricultores de Vinseiro. En 1912 comezou a traballar como mestre, labor que tivo que interromper entre 1914 e 1915 para facer o servizo militar en Santiago de Compostela. En 1916 participou no Congreso Agrario na Estrada, onde falou sobre o perigo das mulleres emigrantes de caeren na trata de brancas. O ano seguinte formou parte da directiva da Federación de Sociedades Agrarias da Estrada.

Foi un dos fundadores de El Emigrado en 1920, periódico que dirixiu ata 1932. En 1924 foi nomeado concelleiro da Estrada. En 1928 fíxose cargo da imprenta “La Artística”. Cando en 1931 se creou o Centro Republicano, Otero figura na directiva. A finais de 1932 o Centro Republicano estradense incorporouse ao Partido Republicano Gallego e Otero aparece como tesoureiro da directiva. En 1934 enfermou, detectáronlle uremia, e comezou o progresivo abandono da actividade pública e política; a pesar diso ese ano aínda formou parte da directiva de Acción Republicana.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 decidiu agocharse na súa casa e agardar os acontecementos. Volveu dirixir El Emigrado cando o director, Manuel Durán Durán, fuxiu a Portugal para axudar á muller deste. En xaneiro de 1939 foi detido coa escusa duns cromos do escaparate da súa libraría e pasou máis dun mes no cárcere da Estrada. Despois dedicouse ao traballo e a familia. En 1953 deixou a imprenta e continuou coa libraría La Artística. Finou na Estrada o 22 de febreiro de 1979.[1]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Generosa Villanueva Nodar e foi pai de Josefina e María del Carmen Otero Villanueva.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 23-2-1979, p. 56.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]