Xogo da ola
O xogo da ola é un xogo popular celebrado no entroido en varias vilas galegas.
Características[editar | editar a fonte]
Participan seis ou máis xogadores en roda, con outra persoa facendo de árbitro e outra de madriña, todos eles disfrazados e coa cara enfeluxada. Os xogadores vanse tirando olas de barro polo aire procurando que non escachen. Se rompe, a persoa culpable paga unha multa e bebe viño, até que rompen todas as olas.
A madriña encárgase de pór as olas en xogo, cobrar as multas, dar viño e pedir cartos entre o público. O árbitro, situado sobre unha escada adornada con flores de mimosas, leva un chifre. Ten o mando, e adoita impor multas ao chou e parar o xogo para beber viño.
Historia[editar | editar a fonte]
No Porriño celébrase desde 1944, na tarde do sábado de entroido. A rúa onde se celebra, no barrio de san Bieito, leva ese nome. En Xinzo de Limia celébrase o segundo domingo do ciclo de entroido, chamado domingo cacheleiro ou oleiro.
Este xogo está documentado en Francia na Idade Moderna; en Gargantua, de François Rabelais (1535) é chamado cassepot (do francés pot cassé, "cacharro roto")[1].
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Rabelais, F.: Gargantua; capítulo 22 (en francés).