Wikipedia:Xornal da Galipedia/01-02-2011/Novas e anuncios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Novas e anuncios

O que nos agarda en febreiro

Por Toliño, 1 de febreiro de 2011

Mes curto, pero con novidades

Comezamos coas votacións. Desde o 3 de febreiro está aberta a votación para elixir un novo administrador da Galipedia, o Usuario:Estevoaei, alguén que leva máis de 30.000 edicións ás costas desde que se decidiu a rexistrar aló por agosto de 2007. Todos aqueles que cumprades os requisitos mínimos para poder exercer o dereito de voto, pasade pola votación!

Cómpre tamén lembrar que sempre hai abertas outras votacións periódicas para seleccionar os vindeiros artigos e imaxes que han aparecer na Portada. Neste punto, cabe salientar a escolla dun novo artigo de calidade, Reino de Galicia, que se une aos anteriores para facer medrar ata 6 a cifra dos mellores contidos da Galipedia. Queres que algún outro artigo luza esta estreliña distintiva: ? Pois dálle duro e traballa arreo naquelas páxinas sobre temas nos que sexas experto ou que che gusten! Seica o vindeiro mes aquel artigo que mellores e amplíes se poderá unir á vitrina de calidade.

Quenda para falar do filtro de abusos. Esta nova ferramenta xa está activa e operando na Galipedia. Trátase dun xeito máis de combate do vandalismo ao que esta enciclopedia libre está exposta polo seu carácter aberto e colaborativo. Este filtro de edicións analiza e busca patróns en todas as edicións realizadas nos artigos segundo uns filtros programados para detectar achegas non-construtivas. Aínda está comezando na Wikipedia en galego, pero agárdase que contribúa a reducir e previr a adición de contidos que non cumpran coa axuda de novos filtros que se irán engadindo aos poucos.

E o vindeiro mes...

... temos a celebración dos 8 anos da Galipedia!

O 8 de marzo celebraremos este fito que vén precedido polo aniversario da nosa irmá maior, a Wikipedia en inglés, que cumpriu unha década en xaneiro. Nesta pasada data os usuarios da Galipedia bateron a plusmarca de edicións nun único día realizando ata 4.540 edicións en artigos e páxinas. Malia isto, non se conseguiu o reto inicial que se fixara: acadar as 5.000 edicións.

01-02-2011
Neste número
  • Novas e anuncios
  • ← Volver aos contidos

    + Engade un comentarioConversa sobre esta historia
    • O que se está a argallar para o aniversario da Galipedia está aquí, facede as vosas propostas e comentade as que xa hai para facer unha boa festa ese día. Saúdos, Elisardojm (conversa) 17:15, 8 de febreiro de 2011 (UTC)