Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2019
O Panteón Real da Catedral de Santiago é o lugar que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galicia. Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, Conde de Galicia, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VII de levar tamén os seu restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galicia e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto o seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.
O espazo funerario foi instalado na "capella dos reis", hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (1107), Berenguela de Barcelona (1149), Fernando II (1188), Afonso VIII (1230) e Xoana de Castro (1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do Conde Pedro Froilaz de Trava (1128).