Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2011
O Estatuto de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor da Guerra Civil española e tamén debido a que Galicia foi territorio en poder dos sublevados dende o inicio da contenda. Na redacción do estatuto e na xestión do proceso de aprobación destacou fundamentalmente o Partido Galeguista.
O 15 de xullo de 1936, Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, e Castelao, deputado polo mesmo partido, xunto a unha nutrida representación de parlamentarios galegos, entregaban ó Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, o texto do Estatuto aprobado en referendo. O día 17, a comisión entrevistouse con Manuel Azaña, Presidente da República.
En calquera caso, o estoupido da Guerra Civil o día 18 rematou brusca e definitivamente o proceso. O estatuto galego nunca chegou a entrar en vigor por mor do triunfo do bando nacional en Galicia tras o Alzamento nacional.