Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A primeira referencia explícita sobre o reino medieval de Galicia na historiografía prodúcese no século VI, cando o bispo Gregorio de Tours denomina Galliciensim regnum o estado creado polo pobo xermánico dos suevos na provincia romana da Gallaecia. Este reino galego altomedieval perdurou, con dimensións e significados cambiantes, desde a época sueva até o século XIX, momento no que, a través dunha reforma administrativa, a tradicional organización en reinos da monarquía hispana foi substituída por unha estrutura provincial centralizada.
Malia este dilatado lapso temporal e a existencia de abondosas alusións documentais, os historiadores españois da idade contemporánea substituíron as referencias ao reino galego da alta e plena Idade media polas denominacións de reino de Asturias e reino de León, sendo o territorio da Galicia actual presentado como un espazo subsidiario de escasa importancia. A contradición entre esta visión historiográfica e a realidade presentada polos documentos históricos foi denunciada por unha parte dos estudosos galegos e non deixou de ser recoñecida, dun ou outro xeito, polos propios historiadores que a propagaron.