Wikipedia:Sobre Galicia/maio 2007

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa do Reino Suevo
Mapa do Reino Suevo

Hidacio, coñecido en Portugal como Idácio de Chaves ou Idácio de Límica (c 390 - c 469) foi un cronista, eclesiástico e dirixente da Gallaecia do turbulento século V.

Naceu na comarca da Alta Limia, no seo dunha familia acomodada da civitates (comunidade) dos Lemicos. É moi dificultoso establecer un lugar concreto do nacemento. As posibilidades pasarían por un núcleo urbano, a Civitas Limicorum, que podería corresponder coa actual Xinzo de Limia, tamén polo Castro do Viso ou aínda polo lugar de Parada de Ribeira-Ganade. Ou ben puido ter nacido nunha das villae próximas, que se estaban a converter nos novos centros de poder no Baixo Imperio, principalmente porque as cidades soportaban as maiores cargas fiscais e os excesos do exército imperial, producindo a fuxida das elites aristocráticas a estes "pazos" rurais.

Mais dificultoso, se cabe, sería establecer a súa data de nacemento, podendo datarse entre os anos 388 e 400 e, tratando de concretar máis, entre o 390 e 392.

Pertencía a unha familia cristiá da baixa aristrocracia de orixe galaico-romana vencellada á administración e que detentaba un poder vencellado á posesión das terras. Tratábase dunha nobreza pertencente a aquela que axudou a Teodosio I a erguerse no poder.