Wikipedia:Produto, proceso, política

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En orde de importancia descendente, produto, proceso e política describe tres partes integrais da Wikipedia. As tres P's son parte da natureza dos proceso dinámicos deste proxecto. Este ensaio céntrase en como se xeran procesos e a políticas para mellorar o produto.

O produto é, por descontado, a propia enciclopedia, e é a máis importante das tres Ps. Baseándonos en certos principios fundamentais, todos traballamos para crear e mellorar a nosa enciclopedia.

O principio máis importante é o de editar con afouteza. A Wikipedia ten unha morea de regras e normas, mais non é necesario coñecelas todas. Se tes algo interesante que escribir, escríbeo. Isto relaciónase co principio de ignorar todas as regras. Este principio adoita entenderse incorrectamente como "podes facer todo o que che pete", pero isto non é o que realmente significa. Só podes facer o que queiras sempre e cando poidas demostrar que mellora a enciclopedia.

Hai outros catro principios importantes que se deben coñecer, aínda que é máis importante ter unha idea xeral que coñecer tódolos detalles. O primeiro é procurar un punto de vista neutral, o segundo é recordar que Wikipedia é unha enciclopedia, o terceiro é citar as fontes, e o cuarto é non violar os dereitos de autoría.

Cando varios usuarios editan artigos, é inevitable chegar a certos desacordos, que poden variar dende cuestións case triviais a outras altamente sensibles. O principio básico que guía esta cuestión é o consenso dos editores. O consenso é o método principal de toma de decisións na Wikipedia, aceptado como o mellor método para conseguir os obxectivos definidos polos cinco piares. O Consenso na Wikipedia non significa necesariamente que haxa unha unanimidade (que, malia ser o resultado ideal, non sempre se pode conseguir). A toma de decisións implica un esforzo para incorporar os puntos de vista lexítimos de tódolos editores, ó mesmo tempo que se respectan as políticas e normas da Wikipedia.

Aínda que o consenso é o principal método de toma de decisións, un consenso particular entre editores non pode antepoñerse a certas políticas da Wikipedia, como por exemplo á do punto de vista neutral. As propias políticas veñen determinadas por consensos previos. Se unha política non está ben redactada e non ten en conta unha situación, de forma que interfire coa mellora da enciclopedia, a política debería revisarse.

Cando existe un desacordo, os involucrados deberían debatelo para tentar acadar unha solución. Parte disto ten lugar nas páxinas de conversa, e solicitando opinións de terceiros. Porén, debido ó tamaño e natureza da Wikipedia, existen unha serie de procesos creados para determinadas problemáticas. O obxectivo destes procesos é a obtención de retroalimentación e opinións adicionais sobre cuestións determinadas. Por conveniencia, estes procesos sepáranse para que os problemas relacionados se atopen xuntos nun mesmo lugar. Exemplos dalgúns destes procesos son a escolla de artigos de calidade ou as votacións para borrar artigos. Todos estes procesos serven para tentar acadar un consenso por medio das opinións de tódolos editores que queiran participar nos mesmos.

Política[editar a fonte]

Coa excepción duns poucos principios fundamentais, case tódalas políticas e normas derivan do proceso, é dicir, dos debates entre editores. En xeral, é preferible que as políticas e normas se creen de forma orgánica codificando as prácticas xa existentes, en lugar de impoñelas dende a nada. A maioría dos problemas da Wikipedia non son novos, e foron debatidos de forma extensiva no pasado. Grazas á experiencia, tense unha idea bastante boa do estilo e formato preferido para as páxinas, ou de cando é axeitado borrar unha páxina, ou baixo que circunstancias se debe bloquear a un usuario.

Por isto, as políticas e normas serven para demostrar a nosa experiencia no que funciona e no que non, e para axilizar o proceso sen repetir debates que xa tiveron unha conclusión no pasado. O debate é importante, pero moitas cousas xa se debateron e xa hai un plan de actuación para elas. Os debates centralizados adoitan axudar na confluencia de opinións sobre problemas comúns que doutra forma serían debatidas sen fin.

Un principio importante para isto é que o consenso pode mudar. Xa que a política é o resultado do proceso e da práctica, é posible que unha política cambie como resultado do cambio nunha práctica. Outro principio importante é que a a Wikipedia non é unha burocracia: A política está subordinada ó produto, e non ó contrario.

O resultado desta disposición é que as páxinas de políticas poden estar un ou dous pasos por detrás do proceso. Sempre que o resultado do proceso non se corresponda coa política, significa que a política está desactualizada. Cando se atopa unha nova situación, non é un requirimento basear o debate na política, senón que se debe basear unha nova política no proceso do debate.