Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2016

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
DickinsoniaCostata.jpg

A fauna de Ediacara, tamén coñecida como organismos ediacáricos, biota de Ediacara, biota ediacariana, biota do período ediacárico ou, anteriormente, biota ou fauna vendiense ou vendiana, está formada por antigas formas de vida sésiles con formas tubulares ou foliáceas que habitaron a Terra durante o período ediacárico (hai uns 635-542 millóns de anos) e que representan os organismos pluricelulares complexos máis antigos coñecidos.

Apareceron pouco despois de que a Terra se desxeara despois da extensa e última glaciación do período crioxénico, e desapareceron en gran parte pouco antes da rápida aparición de biodiversidade coñecida como explosión cámbrica, que consistiu na primeira aparición no rexistro fósil dos patróns e morfoloxías básicas que máis adiante formarían a base dos animais modernos. A posición filoxenética destes organismos constitúe un gran problema para os paleontólogos. Mentres que moitos deles parecen corresponder a formas de vida sen representantes na fauna actual, algúns organismos ediacáricos parece ser que estaban estreitamente relacionados con grupos que máis adiante se converterían en prominentes.