Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A táboa periódica dos elementos é unha disposición en formato de táboa dos elementos químicos, ordenados polo seu número atómico, configuración electrónica e propiedades químicas recorrentes. Esta ordenación presenta unhas tendencias periódicas, como por exemplo a presenza de elementos semellantes na mesma columna. Presenta tamén catro bloques con propiedades químicas semellantes. As filas da táboa denomínanse períodos, mentres que as columnas chámanse grupos. Seis destes grupos teñen nomes xeralmente aceptados ademais de números. A táboa periódica pode utilizarse para derivar relacións entre as propiedades dos elementos e predicir as propiedades de novos elementos aínda non descubertos ou obtidos de maneira sintética.

O químico ruso Dmitri Mendeleiev publicou a primeira táboa periódica notable no ano 1869. Mendeleiev desenvolveu esta táboa para ilustrar tendencias periódicas nas propiedades dos elementos que se coñecían ata entón. A táboa periódica de Mendeleiev foise expandindo e refinando a medida que se foron descubrindo novos elementos e se desenvolveron novos modelos teóricos para explicar os comportamentos químicos. Os primeiros 94 elementos existen de forma natural, malia que algúns deles só se atopan en cantidades moi pequenas de forma natural e foron obtidos de maneira sintética en laboratorios antes de ser descubertos na natureza. Os elementos de número atómico dende o 95 ata o 118 só foron obtidos sinteticamente en laboratorios ou reactores nucleares.