Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2023

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eduardo I de Inglaterra, nado en Westminster o 17 ou o 18 de xuño de 1239 e finado en Burgh by Sands o 7 de xullo de 1307, tamén coñecido como Eduardo Pernas Longas ou o Martelo dos Escoceses (latín: Malleus Scotorum), foi Rei de Inglaterra desde 1272 ata 1307. Antes do seu ascenso ao trono tamén foi coñecido coma O Señor Eduardo. Pasou gran parte do seu reinado reformando a administración real e o common law. A través dunha extenso proceso legal, Eduardo investigou a tenza de varias liberdades feudais, mentres que a lei foi reformada por medio dunha serie de estatutos reguladores das leis criminal e de propiedade. Porén, cada vez máis, a atención de Eduardo dirixiuse cara aos asuntos militares. Como primeiro fillo de Henrique III, Eduardo estivo envolto desde moi cedo nas intrigas política do reinado do seu pai, incluída unha autentica rebelión por parte dos Baróns ingleses. En 1259, situouse brevemente xunto ao movemento de reforma dos baróns, apoiando as Provisións de Oxford. Tras a reconciliación co seu pai, porén, permaneceu leal a el durante o resto do conflito coñecido como a Segunda Guerra dos Baróns. Tras a batalla de Lewes, Eduardo foi feito refén polos rebeldes, pero escapou ao cabo duns poucos meses e volveu a retomar a loita contra Simón de Montfort. Montfort foi derrotado na batalla de Evesham en 1265, e ao cabo de dous anos a rebelión quedou reducida. Con Inglaterra pacificada, Eduardo uniuse á Novena Cruzada na Terra Santa. A cruzada non durou moito e Eduardo encontrábase de camiño de regreso a Inglaterra en 1272 cando recibiu a noticia da morte do seu pai. Sen présa por volver, chegou a Inglaterra en 1274 e foi coroado na abadía de Westminster o 19 de agosto dese ano.