Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2023

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cadea perpetua (en inglés: The Shawshank Redemption) é un filme estadounidense dirixido e escrito por Frank Darabont, estreado en 1994. É unha adaptación da novela de 1982 de Stephen King titulada Rita Hayworth and Shawshank Redemption. Narra a historia de Andy Dufresne (Tim Robbins), un banqueiro sentenciado a cadea perpetua na Penitenciaría Estatal de Shawshank polo asasinato da súa muller e do amante desta, malia declararse inocente do feito. Pasa 19 anos no cárcere, onde traba amizade con outro preso, o contrabandista Ellis Boyd "Red" Redding, e se converte nunha peza instrumental dunha operación de lavado de cartos liderada polo alcaide Samuel Norton (Bob Gunton), ó que deixa a descuberto perante as autoridades tras fuxir da prisión. William Sadler, Clancy Brown, Gil Bellows, e James Whitmore son outros dos actores principais do filme.

Darabont adquiriu os dereitos da historia de Stephen King en 1987, mais o desenvolvemento do filme non comezou ata cinco anos despois cando escribiu o guión do mesmo nun período de oito semanas. Dúas semanas despois de enviarlle o guión ó estudio de Castle Rock Entertainment, Darabont conseguiu un orzamento de 25 millóns de dólares para o filme, que comezou a súa preprodución en xaneiro de 1993. Malia que o filme está ambientado en Maine, a rodaxe principal tivo lugar entre xuño e agosto de 1993 case na súa totalidade en Mansfield, Ohio, utilizando o Reformatorio Estatal de Ohio como localización para o cárcere ficticio de Shawshank. Thomas Newman foi o encargado de compoñer a banda sonora do filme.